A SOMBRA DO MIÑATO NAS XESTAS (I): UN RELATO DE EDUARDO MOREIRAS

Vilas literarias: Quiroga


A SOMBRA DO MIÑATO NAS XESTAS: un relato de Eduardo Moreiras


As serras da redonda quiroguesa foron durante longo tempo acubillo de fuxidos, feito do que aínda hoxe o pobo garda fecunda mais calada memoria. Foi nun tempo no que moitos corazóns ardentes non aceptaron a humillación e a derrota.

En Follas de vagar (1972), un libro excepcional, singular dentro da nosa historia literaria - orixinal híbrido xenérico, mestura de diario, caderno de viaxe, ensaio fragmentario… atopamos un relato que nos fala deste tempo, A sombra do miñato nas xestas, un título moi suxerinte, de evocación pimenteliana. O autor váinolo contar por entregas ao longo do libro, como mostrándonos ao vivo o seu proceso creativo, ao tempo que creando no lector un estado de tensión lectora activa, pois este ten que ir encaixando os fragmentos narrativos espallados un aquí e outro acolá, páxinas máis adiante.


É un relato de amor e morte ambientado na inmediata posguerra. Parafraseando ao mestre colombiano, un relato de amor en tempos de guerra. Mais, nesta ocasión, a visión do amor vai ser diferente á doutros relatos de E. Moreiras. Agora vai tratarse dun amor máis carnal, máis tráxico, unha paixón non dominada, que levara aos protagonistas a unha fin tráxica. Os dous corazóns ardentes protagonistas do relato son o de Odón e a súa amante Lucinda, a mal mariada. Dous seres que se rebelan contra un tempo noxento, que non naceron para vivir encadeados.

A reconstrución da acción narrativa parte dunha analepse, dun flash-back, dunha rememoración do protagonista ferido, o fuxido Odón, que agarda co fusil na aman, agochado nunha casoupa entre o souto,  a chegada dos gardas que andan na súa busca despois dun golpe fallido dado a noite anterior, poucos días despois do día da feira na vila, polos seus camaradas. Vai ser un enfrentamento a vida ou morte. Nesta escena inicial xa está acugulada toda a tensión do relato, que, por outra parte, ten unha lectura e unha estrutura fondamente cinematográfica. Un perfecto “ensaio” narrativo e un perfecto guión para ser levado a imaxes polo noso cinema.


Neste punto vainos deixar o autor para que os lectores vaiamos reconstruíndo por entre as distintas páxinas do libro este quebracabezas narrativo, este crebacabezas argumental, desanoando o entrelazo da súa escrita.

Sabemos que uns días antes Odón baixara do monte á feira cunha dobre intención: unha, para esculcar os movementos dos gardas antes de realizar un plan de asalto cos seus compañeiros de cuadrilla, e outra, para ver a súa amada e amante Lucinda. Disposto para o amor e a loita. Como un heroi do cinema, solitario e cauto, a cabalo, co chapeu calado até as cellas, vémolo baixar da serra, vémolo logo pasear, un algo temerario, entre os feirantes da vila, sen ser recoñecido.  Vémolo máis tarde cruzar de novo as rúas do pobo, desfeita a feira -“era como se un formigueiro desfixera o esquema da súa composición e esborrallara a vida sen deixar pegadas”-, o chapeu na liña dos ollos, o pé na estribeira. Satisfeito. Viña de se entregar á paixón amorosa con Lucinda.  Mais, confiarase demais. Non ben collera o camiño da montaña, unhas sombras caeron sobre el como gatos monteses. Os gardas bateran con el, estaba baixo sospeita. O esculcador estaba a ser esculcado. Logrou fuxir desta vez. Foi só un aviso, un mal agoiro do que sucedería días despois cando el e mais os da cuadrilla deron un golpe mal planeado. El xa os avisara, non era o momento, as forzas da garda civil algo sospeitaban.  Mais non foi quen de convencer os teimudos compañeiros. Eran malos momentos, o movemento guerrilleiro estaba finando na montaña galega. O pobo, en xeral, non podía apoiar. Todo isto tentou Odón explicarllo aos seus. Non houbo maneira. Todo estaba perdido. O golpe fracasou. Odón pasou a  noite á luz das estrelas malferido.

“Cando pola mañanciña chegou á casoupa da serra, sentouse no poio da porta, co seu fusil entre as pernas, e dispúxose a agardar. O vento abaneaba as ponlas dos castiñeiros. Xa sabía que estaba perdido”.



X. Pérez Mondelo
En “Eduardo Moreiras: entre os ríos do paraíso”. Revista Clave Orión,  nº IX-X-XI, ano 2002-2004


Imaxes: fotomontaxe de Sam Rock, mural de Sallent de Llobregat e debuxo elblogdeacebedo.blogspot.com.es

Comentarios

Publicacións populares