XOGUETES PARA UN TEMPO PROHIBIDO
No
medio da pista non quedaban xa máis que dúas parellas que
aproveitaban a música cansa da peza final. Pouco a pouco o cheiro
quente dos corpos deixaba paso ó ambientador con recendo a rosas,
que ía baixando dende o corredor do piso alto, mentres nas
escaleiras de saída un camareiro convencía con dificultade a dous
borrachos que xa se cambiaran a chaqueta do smoking e os zapatos, e
queríanse cambiar aínda os pantalóns tamén.
Entón
un deles berrou me cago en el as de oros y en los huevos del rey de
Portugal, e foi Ricardo Romero a dicirlle que por favor, que aínda
quedaban señoras na sala. Mara ría hip hip hip e logo, botando o
corpo para atrás, xirou o taburete de repente e pediu outro
gintonic, por favor.
Pero
o barman xa saltara a axudar ó compañeiro que acaba de recibir un
puñetazo na boca e comprobaba asustado que dos labios lle saía unha
fontiña de sangue. Do fondo da pista empezaron a pedir: que lo
remate, que lo remate. E mentres Ricardo facía xestos de calma,
señores, compórtense como caballeros, sen que ninguén lle prestase
atención, dende a porta dos servicios chegou unha voz ronca que se
infiltrou por entre os ruídos das sillas, por debaixo dos berros,
sobre o derradeiro compás da música, para quedar soíña un
instante colgada no aire: caballero ti e a burra que te pariu.
Foise
cara a el e chimpouno contra a parede. Despois deulle co xeonllo
dereito no ventre e ía baterlle na cabeza cando se meteron dous
músicos polo medio e arrastrárono pola forza ó centro da pista. O
outro saíu dobrado, farfullando algo entre os dentes, e subiu as
escaleiras de saída baixo un coro de berros, asubíos e aplausos.
Mara dixo up, Ricardo, up up up, e foise correndo a abrazalo.
Alguén
pediu música, e unha señora ascendeu descalza e tambaleante os tres
escalóns do baldaquino que ocupaba a orquesta, colleu o micrófono e
púxose a cantar Strangers in the night. E antes de que rematase, xa
Mara empezou pasimisí, pasimisá por la puerta de Alcalá, e púxose
todo o mundo a saltar, a bailar, a berrar... Logo veu a conga de
Jalisco, a raspa, outra vez o pasimisí, o pasodobre España cañí,
a ovejita lucera e polo río abaixo vai unha troita de pe.
Tamén
veu un discurso de Ricardo no que rematou dicindo que auga pasada non
moe muíño, o que lle serviu para entoar moe que moe moendo; cantou
novamente a señora descalza, da que de seguida se correu que se
chamaba Gela e que era pintora; os borrachos do comenzo acabaron por
cambiar tamén os pantalóns entre os risos e os aplausos de tódolos
asistentes; a casa invitou primeiro a champán e xa, despois das
cinco, a chocolate con churros; un dos que berraban que lo remate que
lo remate, apareceu cunha empanada de bonito recén saída do forno
que se repartiu en tapas; outro imitou a Louis Amrstrong e a Frank
Sinatra; tamén imitaron a Lola Flores; había un avogado que quería
demostrar que era capaz de tocar o himno nacional inglés póndose co
cu para riba e cos pes para abaixo, pero non o deixou actuar a súa
muller, a quen a pintora lle chamou antipática de xeito cariñoso;
dous irmáns xemeos tourearon de salón sen éxito; a imitadora de
Lola Flores andaba a pedir uns pantalóns para facer o pino, pero non
os conseguiu e acabouno facendo coa saia cosida cun imperdible; Mara
bailou por sevillanas; a muller do avogado rompeu un vaso sen querer
e estivo chorando máis de media hora; Ricardo bailou cun camareiro;
Gela saíu despavorida do servicio de señoras dicindo que había un
home dentro, e alá se foron todos, sacárono en calzóns e
regáronlle a cara cun sifón; o imitador de Louis Amrstrong imitou
tamén a Charlot; o animador da orquesta contou o chiste do home que
chegou borracho á casa, sacou o ollo de cristal, meteuno nun vaso de
auga, tivo sede de noite e bebeu sen se dar conta, pero ó día
seguinte sentiu molestias en certo sitio (dicía certo sitio con voz
aflautada) e chamou á muller: ai María mírame aquí por baixo que
non sei que teño; e foi ela, achegouse para ver ben e... retrocedeu
espantada: ¡Manuel, ti tes xente dentro!; a imitadora de Lola Flores
animouse e contou o de Jaimito cando quere casar coa mestra; o regado
con sifón dixo que el sabía un moi verde, contouno e regárono
outra vez; Mara entoou un sargento del tabor de regulares; Ricardo
seguiuna con su Santidad el Papa Urbano; o avogado ó que non o
deixara actuar a súa dona, puido contar o chiste do negro que tiña
plátanos nunha orella; o músico da trompeta dixo que coñecía a un
señor da súa vila que era tan porco que tiña entre os dedos das
mans esas pelotiñas negras que todos temos entre os dedos dos pes;
un dos xemeos andou a catro patas, coa señora do avogado cargada ó
lombo, e rinchaba.
Xoguetes para un tempo prohibido
Carlos Casares
Fotografía de Carlos Casares. Arquivo de Roque Soto Soto
Logotipos da Fundación Carlos Casares
Comentarios