PRIMAVERAS DO VAL DE QUIROGA
Vilas literarias: Quiroga
Contos de Mesopotamia, Ánxel Fole
Biblioteca De Mesopotamia [ 1]
Se Fole dedicou ao Courel o cadro etnográfico <Terra do Caurel> en Á lus do candil e ao Incio o panorama etnopaisaxístico na <Solaina> de Terra brava, a Quiroga dedicoulle a <Soleira. Terra de Quiroga> na reedición de 1970 de Pauto do demo, peza teatral ambientada en territorio quirogués. Nesta súa <Soleira> celebra vivamente o espectáculo botánico das cores do outono: <Polo autono, a paisaxe énchese de colores, por ser terra de viño. É a millor sazón da paisaxe quiroguesa. Vense topacios nos chaos das viñas e tamén sangue e ouros pálidos. Os solpores esmorecen vagariño ca súa ourilocencia. Mais as primaveras do val de Quiroga tardan moito en esquecerse en quen as contemplou. Os hortos faturentos, dende Campos de Vila a San Martín, ateigándose de froles de neve, roibor e sangue. As primeiras álbores en frolecer son as amendoeiras, nos hortos da ribeira. Vén despois a frol rosada dos melocotoneiros i a granate das pavieiras. O cicro froral péchase co roibor da frol das mazairas, como por elí lles chaman>.
Mais as terras de Quiroga aparecen aludidas en moitos relatos de Fole, como <Non hai duas sin tres>, de Contos da néboa. Agora ben, nesta obra máis vilega que rural hai varios relatos que teñen como escenario a Monforte de Lemos, como é o caso do citado, que trata da superstición dun amuleto da boa sorte, e de <O desafío>, que adapta ao Val de Lemos unha historia de xemelgos procedente da novela francesa Os irmáns corsos de Alexandre Dumas. E a mesma vila comparece xa dende o título no conto <O galo de Monforte> de Historias que ninguén cre, onde unha ave mutante remata nun museo de curiosidades en correlato obxectivo coa propia colección de anécdotas recompiladas por Fole.
Advertiu Fole en <Terra do Caurel> a sensación de dramático contraste entre a dureza da montaña e a dozura do val que provocan estas terras mesmo entre os seus habitantes: <Cando baixan á ribeira débelles parecer que entran no paradiso>. Pois ben, a mesma sensación pode ter quen lea estes contos cheos de autenticidade, de beleza, de humor e de misterio.
Trátase, en efecto, dun paraíso literario creado por un excelente escritor, mais tamén dun paraíso paisaxístico inspirado pola beleza e pola fartura dunha natureza en plenitude, que Fole describiu como ninguén: <Alí medran as laranxeiras, as amendoeiras, as citroeiras. É a leda terra do viño, das froitas doces, das cántigas rexoubantes... Paveas, figos de vedima, brevas, préxegos, nísperos. Xa na Candeloira amósase a primaveira, i os días son quentes i as noites tépedas. Todo é dondo, risoño, amantiño. Cando a serra aínda está cuberta de neve, xa frolecen as margaridas nos prados i os hortos acugúlanse de froles brancas e vermellas, que saúdan ás anduriñas abaneándose soavemente. Istas, os cucos i os oreoles, teñen máis présa de chegar eiquí que a ningures. Reiseñores e malvises engadan as noites coas súas frautas milagreiras...>
Claudio Rodríguez Fer
Biblioteca de Mesopotamia é un selo impulsado por Chan de Pólvora Editora que ten a súa sede en Monforte de Lemos e conta co apoio de:
Concello de Monforte de Lemos, Concello de Sober, Concello de Pobra do Brollón, Concello do Incio, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Deputación de Ourense, Consello Regulador Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Centro do Viño Ribeira Sacra, Concello de Ribas de Sil, Concello de Parada de Sil, Concello de Quiroga, Concello do Courel, Concello de Ferreira de Pantón, Concello do Saviñao, Concello de Castro Caldelas, Asociación de Escritores en Lingua Galega e Real Academia Galega.
Capas do primeiro libro editado por BDM
Fotografía de Ánxel Fole, feita por Antonio Vidal
Montaxe fotográfico: xanela ao val, de Roque Soto
Comentarios