DON PEPITO, O RETRATISTA


Vilas literarias: Quiroga

Don Pepito, o retratista


O retratista retratado. Fotografía de Antonio Vidal


X.Pérez Mondelo

Don Pepito tiña a súa casa na Cova, un barrio alto de San Pedro de Ribas de Sil. Qué foi o que o levou a deixar o seu berce e marchar á busca da cagalla do lagarto polas amplas avenidas de Buenos Aires, cabo de tantos outros veciños e parentes que nas primeiras décadas do século pasado emprenderon a súa aventura cara ao Sur austral, en terras de alén-mar? Non sabemos se aló atopou a súa sorte venturosa, tantas veces negada, mais si sabemos que descubriu a súa paixón artística e mesmo o seu medio de vida. Cando, ao cabo dos anos, regresou a Ribas do Sil traía canda el un aparello máxico, a cámara fotográfica, co seu alto trípode e o seu caixón onde metía cerimonioso a cabeza para obrar o milagre do retrato, que acabou facendo a milleiros por toda a redonda do val nos duros anos da posguerra, converténdose no seu grande retratista, nun pioneiro da fotografía. A súa figura alta e forte, a súa presenza, sempre coa cámara ás costas, era agardada con respecto e abraio a un tempo, e obrigada en todo tipo de acontecemento familiar e social. E dicimos respecto non só pola actitude reverencial coa que o aparello fotográfico era visto pola xente, senón polo propio carácter do retratista, que tiña o seu oficio nunha alta consideración.
CF San Clodio

Sobre disto cóntanse aínda hoxe innumerables anécdotas, como as que nos ten relatado dunha maneira viva e evocadora –auténticos retratos orais- o profesor Manuel Cao, verdadeiro cronista non oficial de Ribas de Sil. Parece que o don Pepito era moi esixente á hora de compoñer o retrato. Cando cumpría que as persoas ou o grupo a retratar se mantivese quedo, en posición ríxida e frontal, sen se mover, para o bo resultado do traballo, e do retrato, ao mestre fotógrafo levábao o demo se algún dos compoñentes se movía de máis ou non respectaba as súas indicacións, respondendo de mal xorne aos que non se axeitaban aos seus requerimentos. E daquela podían saír da súa boca todos os xuramentos indecibles. El era o mestre máximo da ceremonia e había que seguir fielmente os seus mandados. Xa dixemos que era moi alta a súa consideración sobre a arte fotográfica.
Á entrada do pazo da Costa ou do Batanero

Conta tamén Manuel Cao dunha vez que tivo os seus máis e os seus menos con Antonio Vidal, o mellor fotógrafo de Ribas de Sil e Quiroga, mesmo un dos mellores fotógrafos afeccionados de toda a provincia, participante e gañador en diferentes concursos organizados polas Agrupacións Fotográficas galegas naquela altura do século. Fotografías que logo eran expostas nos salóns fotográficos das asociacións e outras entidades culturais, de aí o nome de salonismo ou fotografía de salón coa que se coñece esta tendencia artística da fotografía de posguerra.
Os Celtas de Paradaseca en Nogueira


Mais, indo ao conto: Antonio Vidal chegara a San Clodio a mediados dos anos corenta e xa traía con el unha cámara moderna e unha formación artística anovada. E, en vendo don Pepito nunha festa disparar con tanta prontitude a nova cámara a Antonio Vidal, reaxiu con acedume e cun aquel de oculta admiración, dicindo: “ Este Vidal! Que fotografía é esa de darlle a un botón e estar xa a foto feita! E esa é arte? Pois, ollo, que a cousa non é tan doada, que ademais a fotografía ten moita química e pode un tolear se non ten man cos produtos. A fotografía non vale para que ande calquera con ela”. Eso dicía, algo amolado. O certo é que don Pepito e Antonio Vidal convertéronse nos grandes fotógrafos do val de Quiroga e Ribas de Sil, desenvolvendo o seu traballo nun marco temporal que abrangue case medio século, desde a posguerra aos anos oitenta nos que Vidal foi abandonando a súa paixón artística, unha paixón que o seu antecesor de San Pedro xa tiña abandonado anos antes, aínda que coincidindo durante algún tempo exercendo o seu oficio. Dous artistas cunha obra interesantísima, desde as vellas fotografías en soporte de vidro até as feitas coas máis modernas técnicas e aparellos fotográficos. Unhas imaxes que son un testemuño dun valor artístico e histórico excepcional. E velaí estas fotografías do retratista de San Pedro.

Duas imaxes do Auxilio Social

Comentarios

Publicacións populares