QUIROGA E O CINE: UNHA CURTAMETRAXE DE MIGUEL CASTELO
Vilas
literarias
Quiroga
e o cine: unha curtametraxe de Miguel Castelo
X. Pérez Mondelo
As terras de Quiroga son un magnífico espazo natural, obxecto de recorrente consideración por parte de artistas de diferentes artes: a literatura, a pintura, o cine, a fotografía, a música.... Noutras entregas temos falado de Quiroga como un espazo literario belamente recreado en obras inesquecibles como Á lus do candil de Ánxel Fole, Primaveira no Lor de Eduardo Moreiras, Río de sonho e tempo de Ernesto Guerra da Cal ou nos Sonetos ao val de Quiroga de Manuel María, sen esquecermos a obra dos escritores actuais que seguen a ambientar as súas historias nos belos espazos da serra e do val. E mesmo temos falado noutras ocasións dos nosos pintores, dos vellos músicos, dos grandes fotógrafos.

Mais,
Quiroga tamén é un excelente escenario cinematográfico. Non é
casual que dous dos directores pioneiros do cinema galego, Miguel
Castelo e Chano Piñeiro, escollesen as súas xentes e as súas
paisaxes como protagonistas e escenarios ideais para os seus filmes.
No caso de Chano Piñeiro, recordamos que foi na aldea de Bustelo de
Fisteus e no muíño de Soldón onde se grabaron algunhas das escenas
máis representativas do seu mítico filme Sempre Xonxa. Unha
experiencia inesquecible para os seus veciños, como inesquecible
había ser a vivencia cinematográfica dos distintos actores e
axudantes de rodaxe, todos e todas eles quirogueses, que participaron
na película O Desexo, do director coruñés Miguel Castelo, autor
doutra curtametraxe mítica do cinema galego: O pai de Migueliño,
basada no emotivo relato de Castelao. Porén, no caso de O Desexo, a
adaptación está feita en base a un conto do outro gran escritor
rianxeiro, Rafael Dieste, o relato O vello que quería ver o tren, do
seu libro Dos arquivos do trasno.
Se
no caso de Chano Piñeiro foran o lugar de Bustelo e o muíño de
Soldón os únicos escenarios dalgunhas das secuencias centrais da
película, no caso da curtametraxe de Miguel Castelo a acción vai
transcorrer en distintos lugares do val e da serra baixa: O Nocedo,
Espandariz, A Ponte e A Rodela, a casa de Outeiro, A Ribeira,
Sequeiros… ofrecendo unha fermosa perspectiva de toda a nosa
contorna. Unha perspectiva non só paisaxística senón humana, pois
como dixemos con anterioridade todo o elenco de actores e mesmo de
axudantes na realización do filme, son mozos e mozas, nenos e
persoas de idade de Quiroga, dos que agora, por non estendernos, só
citaremos ao inolvidable Claudio A. Dacal, no papel de protagonista,
ao encarnar a tenra figura do vello que quería ver o tren antes de
morrer e que coa complicidade do neto convenceu a filla e xenro para
facer unha longa viaxe en carro desde o lugar afastado da alta
montaña onde vivían ata a estación do val para cumprir o seu
ansiado antollo. Este é o argumento central da película: a
narración desa viaxe para darlle cumprida conta ao vello do desexo
longamente acariñado na soedade da serra.
Unha
experiencia cinematográfica merecedora de distintos premios en
festivais nacionais e internacionais e da que todo o corpo técnico e
actoral quirogués puido disfrutar na súa estrea no Centro Galego
das Artes da Imaxe, a nosa filmoteca nacional, perante a presencia
agradecida de dona Carmen Muñoz, a muller de Rafael Dieste. Unha
estrea con gran éxito de crítica e público.
A
rodaxe da película realizouse durante o verán do ano 1994 e deixou
unha fonda pegada na memoria dos seus protagonistas. Unha xoia, unha
obra redonda, que perdurará tamén na memoria do val como perduran
os versos e os relatos dos nosos poetas e narradores, as imaxes dos
nosos pintores e dos nosos fotógrafos ou a música de intérpretes
tan singulares como Felisa, a gaiteira de Bendilló, esoutra
pioneira, Os Celtas de Paradaseca ou o Penelo, o noso máis querido
gaiteiro.
Música,
literatura, cine... tantas artes subxugadas polo feitizo do val.
© X.P. Mondelo. Fotografías da rodaxe de O desexo, de Miguel Castelo
© X.P. Mondelo. Fotografías da rodaxe de O desexo, de Miguel Castelo
Comentarios