O RAPAZ FOI A GUERRA
A morte de John
Cando estralou a Primeira Guerra Mundial, o poeta Rudyard Kipling, bardo inmortal do imperio británico, presionou ao seu fillo John, que daquela tiña dezaseis anos, para que se alistase como voluntario no exército do seu país. O mozo foi rechazado por corto de vista, pero o pai valeuse das súas amizades e influencias para conseguir o que pretendía: o rapaz foi á guerra. Morreu unhas semanas despois na batalla de Loos e o seu corpo non foi identificado. Kipling dedicoulle non poucos dos seus poe mas.
Recentemente, por unha serie de circunstancias felices e grazas a un meticuloso traballo, xa se sabe cales son os restos de John. Sobre eles, nunha planura do norte de Francia, unha lápida recorda que alí repousa aquel mociño, do que o seu pai sempre se sentiu orgulloso, pois estaba convencido de que morrera como un heroe.
Non obstante, non morreu como pensaba aquel: rindo deportivamente. Hoxe sábese que un compañeiro o viu atravesando un campo, coa boca destrozada polos restos dunha granada, medio cego, e chorando como un neno abandonado. Non é seguro que esta fose a imaxe que Kipling tiña do heroísmo, sobre todo se xulgamos por algúns dos escritos nos que fala do seu fillo. A pesar de todo, dificilmente se pode pensar que a morte dun rapaz sexa diferente que esa. Demasiado humana para un pai inmortal.
Carlos Casares
Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de febreiro de 1997, La Voz de Galicia.
Comentarios