Poesía e paisaxe

Xa cando se chega ás estribacións do Caurel, decátase un que algo cambeóu nas formas habituais da paisaxe montesía, de dentro a fora. As montañas teñen un xeito particolar de se amostrar, ergueitas contra o ceo, pechadas en sí mesmas nos días chuviñentos coma si gardasen toda a saudade do mundo. A paisaxe non é sinxela, sinon complicada. Confórmase en planos cortados polas valgadas fondas, planos que se cruzan e van creando novas paisaxes de saudosa lonxanía, con cumios ao final que entresoñan aló no ceo. Cecáis un milano revoe axexando a fita verdecente do río. 



Eiquí o Absoluto accede a materializarse, non direitamente, sinon a traverso da mutación das formas visibels en espritoalidade de senso máxico. O home, nista encrucillada da concencia primitiva co mundo aitual, está xunguido consustancialmente co medio e co universo. Istos, o medio no que se desenrola a súa vida anímica e física, e o universo visibel e o transcendente, maniféstanse por medio de símbolos míticos. O home da montaña, na súa íntema concencia, rexeita o dualismo lóxico de que o ser e o mundo no que viven sexan cousas diferentes. Está, pois, perto de incidir no coñecimento da Realidade que asín se lle manifesta. A tensión máxica do home galego exprésase na montaña en conxunción co misterio da terra, onde todo é posibel, onde as cousas teñen un siñificado real e outro ideal concordante e sobreposto ao primeiro. 



Todo iste eixe de simetría da montaña galega, Caurel-Incio-Cebreiro-Ancares, ten a caraiterística común de espritoalidade máxica, máis acusadamente no Caurel que en ningures. O primeiro que un acha cando contempra, dende calquer cume, a serie infinda de montañas descendo en fondas regatas sobor do mundo, é a poesía chea de orixinalidade e beleza que xurde da terra. Pero é que, ademáis, hai indicios que suliñan a interpretación dista paisaxe coma de senso máxico: Por exempro, o cálculo das distancias, erra. O tempo existencial ten outra medida. Os camiños: toda a montaña está sulcada de longos carreiros que levan ás cumes lonxanas pra, acolá, adentrarse noutra paisaxe que é espello da imaxen da primeira. Noustante, istos camiños que levan ao longo da montaña, dan infinitude á paisaxe e deixan o esprito cheo de arela e saudade.

A construcción das casas, de medida xusta e armoniosa, coa solaina coberta coa lousa do tellado pra recatar e protexer a vida interior, é de senso máxico, coma todo o lugar. Acercámonos a il. Primeiro, non se ve o lugar. Está agachado no souto, cecáis encostado na curva da montaña. ¿É ou non é? Os tellados cintilan no ceo azul, mas poden ser espellos negrexantes na mau dun deus dormido, ou unha pozaca de augas pretas que refrexa a mañán pura. E cando un entra no lugar, todo aparesce pechado en sí mesmo e preparado prao recollimento e contempración. Ali mesmo, a curva da montaña ergue a súa liña pura de ascensión e ascésis, coma un total despoxamento de toda aparencia ilusoria.



Pormenor do discurso Poesía: coñecimento da realidade, de Eduardo Moreiras Collazo, feito o 28/01/1978, con motivo da súa entrada na Real Academia Galega.

Pinturas de Fermín González Prieto

Comentarios

Publicacións populares