ÁNXEL FOLE: ESTADÍA EN TERRAS DE QUIROGA
Vilas literarias: Quiroga
Son tempos amargos para Ánxel Fole por moi diversos motivos. Vive medio escondido, e os cartos que consegue gañar non lle abondan para vivir. Por outra banda, está a incerteza, o medo, o terror que persiste pòlos mortos que seguen a aparecen estrando as gabias e que, cada noite, volve a ver en pesadelos terribles que ha padecer ó longo de moitos anos.
Nos momentos críticos conta coa axuda do seu irmán Salvador e mais da muller deste, Fina Otero, que o acollen na súa casa. Outro gran consolo para Fole é o cinema, fiestra aberta cara alén das súas penurias que pode frecuentar gracias a que Salvador é o xerente do recén estreado Cine España.
Convidado por uns parentes que viven na aldea, xente de posibles e con influencias, sae de Lugo a finais de 1941, cidade á que non regresará ata 1953. Durante este periodo pasa longas estadías no concello de Quiroga e mais no do Incio. Reside na Veiguiña, en casa da familia Quiroga, na que ten cubertas as necesidades máis básicas. A cambio, traballa de preceptor dos pequenos da casa.
Este longo periodo de retiro (interrompido en contadas ocasións para visita-la familia dun irmán na Terra Cha ou facer algunha excursión -non tódalas que quere, pois non dispón de cartos-) ofrécelle o contacto directo e demorado coa Galicia rural na que ha basear boa parte da súa creación literaria. Sedento de historias e palabras, afonda no coñocemento da lingua aldeá -unha das grandes aportacións da narrativa de Fole-, recolle contos e anécdotas, toma nota dos costumes, déixase envolver pola cotidianidade acougada (boa menciña para tentar esquecer) e prepárase para se converter no gran cronista e recreador de mundos e transmundos reais ou inventados. A carón do lume, nun descanso, das cazatas, en plena sobremesa de farturentos xantares ou coa infinidade dunha paisaxe a lle regala-los ollos, Ánxel Fole descobre á fin, o pracer de contar.
Terra de Caurel aspra e forte, de inxente beleza...
Terra brava de lobos e águias, terra outa de fragas
e devesas.
Pode ser que eiquí se achen as devesas meirandes
de Galicia. Hai faias nilas, e choplos, rebolos, bidueiras.
Algúns albres chegan ós trinta metros, Nos sitios
lamaguentos ondía a iauga se encora, tamémn se atopa
unha especie de salgueiro que se chama paleira, ou
simpresmente, nas salgadas terras das ribeiras. Nas
devesas da Regueira e do Rebolo hai teixos grandísimos
que teñen centos e centos de anos. Atravesar un distes
boscos leva varias horas de camiño. Por alí anda o lobo i
o xabarín. Unha vez vimos dez lobos xuntos cando íbamos
derrubar unhos castiñeiros bravos pra faguer unhas vigues.
(...)
Pra ondía queira que se olle, vense os montes máis outos da
Serra: O Pía Páxaro, Licenza, Montouto, o monte da Golada.
Os seus cumios están cubertos de neve hastra o verao. Nos
días séreos do inverno e da primavera, relocen coma si foran
de azucre.
Así viviu Ánxel Fole
Xosé A. Neira Cruz
Comentarios