O CAXENO DE LÓUZARA

 Vilas literarias: Quiroga

O Caxeno de Lóuzara

X. Pérez Mondelo

O Santiago de Santa Mariña, pola parte de Loúzara, andaba sempre só, sen banda. E se hai un músico admirado, de entre a santa compaña de ledos músicos que ao longo do pasado século percorreron os infindos vieiros da serra e do val, ese era o Caxeno de Lóuzara, recordado polo pobo cun aquel de estrañeza e respecto. En calquera caso, como un músico virtuoso alén de home singular. 

Santiago Montero "O Caxeno"

O Caxeno, de nome propio Santiago Montero, era un home regordecho, de non moita estatura. Forte, ben portado, cun sombreiro negro. Debeu morrer cara aos cincuenta, ao coidado dun sobriño. El vivía só. Dicían del que se isto ou que se o outro, que era medio tal ou medio cal, pero nunca ninguén o viu con home ningún. “A min sempre me pareceu un gran home”, díxonos Evaristo, o ilustre saxofonista dos Louzariños. 

No bo tempo marchaba para Madrid, onde tocaba nos centros galegos e asturianos, alí onde houbese paisanos, animando as “merendas” ou as vodas, e facendo festa por distintos ambientes da capital. Polo inverno regresaba a Lóuzara, tocando nas moitas festas que había naquel tempo na montaña. E así ía gañando o xornal e procurando o benestar dos veciños. A súa gaita despertando o silencio da serra, elevándose maxestuoso como unha aguia o seu son de auga e buxo. Facía cousas marabillosas, facía milagres naquela súa gaita. 

Orquestra de Lóuzara

Ás veces o Santiago deixábase acompañar e tocaba cos Louzariños e con outras bandas veciñas: os de Santa Mariña de Lóuzara, os da Rexoá, da parte do Incio (os catro fillos do mítico brindador o Sixto da Rexoá), e mesmo cos Padernes de Courel, non todo era andar en soidade polos carreiros montesíos. Os Louzariños formáranse nas primeiras décadas do pasado século e volveron tocar polos anos corenta, despois da guerra, ao mesmo tempo que os da Rexoá. E os de Santa Mariña tamén o facían desde antes da guerra, canda os músicos de Paderne, que son dun tempo. Estas eran as formacións coas que O Caxeno compartía de cando en vez as súas andainas musicais, anque o seu era andar só, en liberdade. Seguindo o ronsel destes vellos músicos, as múltiples formacións de rapaces novos de Sarria, Samos, o Incio e Lóuzara están a recuperar os temas que no seu día tanta sona lle deran ao gaiteiro de Santa Mariña. E vaia como mostra e homenaxe a interpretación que a Banda de Gaitas de Samos fai do tema “Vals do Caxeno de Lóuzara”, no seu álbum Muiñeira de Lampazas.

Os da Rexoá

Os de Santa Mariña, os Padernes, os Louzariños, os da Rexoá… o Cáxeno de Lóuzara, canta festa, canta fartura na montaña! Tanta festa como fame de xustiza. Mais, mesmo en tempos de aflicción, nunca calou a música, esa esperanza. Sempre houbo en cada lugar un gaiteiro, como o Santiago en Santa Mariña, para facer bulir os pés e vibrar os corazóns tralos días cansos de traballos baixo o sol ardente do vran e a neve do inverno. É por iso que o pobo garda tan doce memoria dos seus músicos e tenlles tanta lei. Unha gratitude fonda e doada de comprender: ao cabo son os músicos os que de sempre lle deron á xente cumprida conta da súa ansia de lecer. De aí esa veneración. Velos pasar como príncipes cumpridos anunciando a alborada! Andar atrás deles nun troupeleo entusiasta! Termar dos seus instrumentos de prata! Recibilos nas casas! O demorado xantar! O ledo rebumbio do campo da festa! E os corpos a danzar..!


Fotografías facilitadas por X. Pérez Mondelo

Comentarios

Publicacións populares