POESÍA DE EDUARDO MOREIRAS - ÁLVARO CUNQUEIRO

Vilas literarias: Quiroga



Poesía de Eduardo Moreiras



  • Álvaro Cunqueiro


     Despoixás duns anos de silencio, Eduardo Moreiras agasállanos cun novo libro de poemas, Os nobres carreiros*. O libro divídese en tres partes: "A luz soñada", "Sombra no camiño" e "A cruz de pedra". Tres partes diferentes? E ese derradeiro poema, que fai soio unha cuarta parte, "Esquecemento" e que por título leva "Ascesis", é un xeito de resumo da actitude vital e soñadora do autor? Podería ser, en todo caso, unha despedida:

          Endexamais.
          Non voltar ao misterio
          da raíz na terra removida
          nin sentir ledicia recreando
          formas de vida.
          Deixar a luz que morra.

     Ao poeta parez que vaia abondarlle o ser áer en rumor de follas, auga queda... Pro, verdadeiramente, ese áer, esa auga, son imaxes do silencio puro? E así, áer, auga, esquecer poder esquecer, coma quere o poeta? A condición de calar, si. A verdade é que o poeta nunca é dono de Nada, porque a poesía faise con verbas, e cada imaxe troca as verbas en espello, e sen querelo, veleiquí un mundo ao teu arredor. E corren as augas, e frolecen as roseiras, e cantan os melros e rulas. Entón, o que busca o poeta son segredos, é decir, unha metafísica, que non soio se refire ás cousas que están máis alá da física, senón máis alá dos soños, e cando pode, o poeta crea outro mundo, cuia realidade non pode ser discutida. Un mundo con piñeiros no serán, con música de zanfonas e violas, coa iauga nena xogando na carriza, aspra serra na noite nevada, zoquiñas chocleando no patín de pedra. Nunha "jakata", a Budha abondáralle unha nube no ceo pera interrumpilo e non poder seguir na meditación "facendo o oco". Pro Moreiras non quere ese "oco da Nada"; os "catro nobres carreiros" son unha demanda que supón a vida vivida. O que o poeta percura é perfeccionar a condición humana, con amor, con compasión, con paz –que non é soio a paz interior propia, senón unha paz de todos, pois quere "que se arranxen as discordias–, e integridade –íntegro: enteiro, pero non deshonrado, irreprensible; os catro carreiros, é decir os camiños perfectos, "o nobre camiño do oito ponlas: doutrina dreita, verba dreita, acción dreita, profesión dreita, tenencia dreita, atención dreita, meditación dreita e intención dreita". E todo pra aprender que as vidas dos homes semellantes son ás cuncas que fai o cazoleiro: por mui finamentes rematadas que esteñan, todas quebrarán un día. "Ren do que existe durará, e a vida é coma a auga do río, que nunca volve". Máis dunha vez, Moreiras parece falar por "gáthâs" –estancias poéticas muitas veces insertas nos textos budhistas–, pro Moreiras está no mundo, e é todo menos un indiferente. Millor, o libro de Moreiras non é senón dun que recoñece o mundo, sabe da súa existencia e defende a súa beleza máis fonda, que moitas veces é a súa beleza mais aparente.


     Veleiquí un fermoso libro de poemas, un libro apaixoado no que o autor recoñece un certo mundo –a Galicia nosa, claro é–, no que el tenta de faguer unha vida partindo de si mesmo, o nome, que é o que é, e vai e dice o que lle é necesario, que ás veces é unha simple canción:

          Vindo da Fonfría,
          cantaban así
          pola serranía.
          Ouh, amor belido,
          na Triacastela
          ficarei ferido.

     É as vegadas esa mesma mirada doce de Noriega Varela ás cousas do ermo, como en "Agarda" e noutros poemas. Eduardo Moreiras, un gran poeta, quere salvar moitas cousas nos poemas do seu libro. El ten unha certa idea de Galicia e dos homes, idea á que concede hospedaxe nos seus soños –longos soños purificadores, nos que percurou, algunha vez, a compañía docísima do Bodisatva. E deste que ousaríamos chamar "soñar meditando" son fillos algúns dos poemas do libro, namentres que outros son fillos dunha tenrura aloumiñante, mesmo simplemente da sorpresa diante da paisaxe, por onde el camiña, entre cumes e regatos, querendo todo gardar a un tempo nos seus ollos –se queredes, no seu corazón–, todo reducido a unha soia e viva chama. 


     Un fermoso libro, xa dixemos. Un libro que confirma a Eduardo Moreiras entre os poetas de Galicia nun escano de honra.

22-XI-1970

* Eduardo Moreiras: Os nobres carreiros. Col. "Salnés", Ilustraciós de Laxeiro. Ed. Galaxia. Talleres Faro de Vigo. Vigo. 1970.



Fonte: Álvaro Cunqueiro. No obradoiro do fabulador. Artigos en lingua galega. Faro de Vigo, 1963-1971. Edición: Iago Castro Buerger e Xosé-Henrique Costas. Biblioteca Álvaro Cunqueiro. Editorial Galaxia. Vigo. 1ª edición. 1ª impresión. 2017.
         
   

Comentarios

Publicacións populares