Capas






The Twain Shall Meet (MGM). En plena explosión do verán do amor, versus Monterey International Pop Festival en 1967, o británico natural de Newclaste, Eric Burdon, empadroado en California en plena psicodelia, dera un importante cambio de ritmo á súa carreira musical despois do éxito con The Animals na súa etapa de grupo representativo do rhythm blues inglés que influíra en moitas bandas dos Estados Unidos. Burdon faría o camiño de volta e se instalaba na área de San Francisco, onde puxo en marcha The News Animals, un quinteto que debutaba co disco Winds Of Change para a continuación, uns meses despois, participar no festival antes mencionado, onde entre outras cancións interpretaría moi animalizada “Hey Gyp”, do escocés Donovan. Burdon, entregado á causa “hippy”, gravaría o seu segundo disco oficial da etapa americana co título The Twain Shall Meet, onde comezaba con “Monterey”, homenaxe ao ambiente creado en torno ao evento musical de finais de xuño de 1967. Seguirían sete composicións máis onde se nota que a psicodelia, o ácido lisérxico e o pacifismo influíran en The New Animals de tal maneira que os tempos da “british invasión” quedaban lonxe en beneficio dun son no que se mesturaban todo tipo de instrumentos, algúns exóticos como o tan socorrido sitar.  Daqueles lodos, “Oranges And Red Beams” e “Sky Pilot” quedaron como declaracións de tempos convulsos e de busca de alternativas á sociedade consumista. Fred Otnes sería o artista americano encargado de facer a colaxe que aparece na portada de The Twain Shall Meet.


Cancións: “Monterey”, “Just The Thought Briggs”, “Closer To The Truth Briggs”, “No Self Pity”, “Oranges And Red Beams”, “Sky Pilot”, “We Love You Lil Briggs” e “All Is One Briggs”.

Músicos: Eric Burdon (cantante), Vic Briggs (guitarra), Danny McCulloch (baixo e voz), Barry Jenkins (batería) e John Weider (guitarra e violín).

Outras capas: The Animals With Sonny Boy Williamson (1963), The Animals (1964), Animals Tracks (1965), Animalisms (1966), Winds Of Change (1967), Every One Of Us (1968), Love Is (1968), Before We So Rudely Interrupted (1977) e Ark (1983).











Comentarios

Publicacións populares