O CEGO DE OUTEIRO
Vilas literarias:
Quiroga
O
cego de Outeiro
X.
Pérez Mondelo
E
se deixamos o val e collemos camiño da alta serra, hemos chegar
deica Outeiro, cabo da Seara do Courel. De alí é natural o señor
Eladio, o violinista cego, que percorría incansable os camiños
infindos da serra e do val, cabo da súa pequena nena, Celia, que o
acompañaba ao bombo. O pai cegara das viruelas e daquela botáranse
a pedir polas portas. Todolos romances de cego que as xentes aínda
cantan cun ton grave da montaña, aprendeunos o pobo dos beizos do
señor Eladio, o noso xograr de tempos idos. Era un acto
transcendente a aparición de cego e nena en festas e feiras, un
ritual carregado de misterio e fondura, onde a palabra poética e
antiga e o son ferinte do violín, provocaban o enlevo nos ollos
abraiados da xente. As figuras errantes de pai e nena -poetas,
músicos e mendiños, de xinea medieval e lazarillesca-, andan aínda
hoxe a percorrer os camiños da serra como sombras voltexantes a
agardar por quen os saiba escoitar con corazón curioso e compasivo.
Os seus alalás, as súas muiñeiras, os sus romances na fala vella
de Castela.
A
mesma sombra que proxecta o violinista cego de Eixón, José María
Rodríguez Cobo, ao que acompañaba a súa filla Elena co bombo. E o
de Ferreiros, Avelino Parada Vide, con toda a súa estirpe de fillos
e fillas músicos e cantores. E da Enciñeira, do lado de
Montefurado, era Paulina Campos Vázquez, que non era cega máis que
si se adicaba ao oficio do canto e da venda de coplas polas feiras.
Seus país marcharan para Buenos Aires cando aínda era unha nena e
quedou a cargo de seus tíos, Avelina Gómez e o seu marido. E seique
canda os tres de familia ía tamén un cego a tocar o violín. A
cousa foi que toda a familia botouse polo mundo adiante, correndo
media España, nun carro de cabalos, de feira en feira, chegando
mesmo até Andalucía. Corrían polas feiras, cantando Paulina as
coplas e vendéndoas, acompañada e axudada polos tíos e o cego. A
tía Avelina chegou a ser un personaxe moi peculiar e insólito, do
que se conta que era unha gran fumadora de tabaco en pipa e unha gran
bebedora de caña de augardente, igual ca un home. E, nestas vidas de
supervivencia picaresca, tamén contan que o tío Francisco se facía
pasar por cego, para así poderen tirar a licenza para cantar. Aínda
que outros falan de que era un outro cego de verdade o que acompañaba
a Paulina e os tíos. Polo demais parece que cartos non traían
moitos das súas andaínas polas feiras do país adiante, pero si que
viñan co carro ateigado de mercancía: fabas, garbanzos, bacallao…
De máis maior, Paulina perdeu un algo a chaveta e xa non distinguía
a realidade da fantasía
das coplas que tantas veces cantara e andaba a dicir “púidenme
casar co conde das Comillas”, o con calquera outro dos personaxes
das coplas que lle quedaran para sempre no maxín. Entrementras,
canda tiña que atender as cousas da casa ou á medida que ían
chegando fillos á familia, ás veces era outra tía, Aquilina, irmá
de Avelina, a que ía no seu lugar. Curiosidades destas vidas
errantes e ambulantes que nos levan a salientar o papel das mulleres,
rapaciñas ou adultas, neste oficio, non só como lazarillos ou
acompañantes, senón tamén como protagonistas, como cantoras e
instrumentistas. Xoglaresas como Paulina, mesmo soldadeiras pícaras
e afoutas como Avelina.
O
señor Eladio Rodríguez Méndez, o cego de Outeiro, o gran
violinista e cantor, morreu no ano corenta e cinco, tan arroupado
polos seus vecinos como desasistido polo párroco do lugar na hora do
seu soterramento, deixando un ronsel infinito de historias e romances
na memoria aínda viva das xentes da montaña e de todo o val. Un
ronsel que chegou até o derradeiro gran cantor, Florencio, o
violinista cego dos Vilares da Fonsagrada, quizais a figura máis
admirada de todos estes músicos lendarios, humildes e verdadeiros
creadores da nosa música popular. Se as cancións de Florencio aínda
se chegou a tempo de se poderen gravar, son moitos os folcloristas e
músicos da actualidade que de novo están a recuperar e a manter
viva a memoria dos vellos violinistas cegos, dos cantores doutrora,
xograres míticos de tempos idos.
Fotografías:
Tellados de Outeiro, de © X. Pérez Mondelo
Retrato de Eladio Rodríguez Méndez e fotografía violinista ambulante, recollidos en "Músicas do Caurel", de © X. L Foxo.
Comentarios