Capas



Emilio Cao (Santiago de Compostela, 1953) introduciu a designada música celta en Galicia durante a segunda metade da década de 1970 no momento alxido do citado estilo, en parte polo rebrote dos nacionalismos en diferentes xeografías  (Illas Británicas, Francia e España) e tamén grazas ao proselitismo de músicos europeos como o bretón Alan Stivell, quen se encargou de facer a introdución ao instrumentista galego. Así quedou demostrado que a música popular galega quedou marcada por dous feitos discográficos: por unha parte, o cambio de rumbo na canción da man de Luis Emilio Batallán (aquí comentado o seu mejor disco) e, por outro, o nacemento dunha música instrumental emparentada coa tradición galega e coas músicas de Irlanda, Escocia, Gales e Bretaña. No segundo grupo inscríbese Fonte do araño (Novola, 1977) que, a pesar do canto de Cao, case como un instrumento máis en boa parte do repertorio, tamén recolle elementos da música popular galega en pezas como “Pandeirada de Nebra”, “Na noite de San Xoán”, “Chegando ao Caurel” e “Arrieiros de Moraña”, que enlazan co rico legado de danzas e cánticos mantido ao longo dos séculos. 



No disco tamén se inclúen elementos do cancioneiro medieval: “Romance de Bernardino e Sabeliña” e algún achegamento instrumental a dita época con “Mentras ela fía”. Instrumentos como a gaita, a frauta, percusión galega e a zanfona son os principais protagonistas desta música, á que se une a arpa, recuperada por Cao para a música folk galega, que destaca en desenvolvementos próximos ao xa referido Stivell, caso de “E as geivotas sobor de nós”. Igualmente hai que subliñar a atmosférica “Baixaron as fadiñas”, con guitarra eléctrica incluída, que achegou a Cao aos seguidores da música progresiva, xénero que o galego coñecía dos seus anos de instrumentista en varios grupos. O motivo artístico da carpeta é de Xosé Díaz.


Composicións: Fonte do araño. Pandeirada de Nebra. Na noite de San Xoán. Chegando ao Caurel. Mentras ela fía. Arrieiros de Moraña. No campo da festa. Romance de Bernardino e Sabeliña. Baixaron as fadiñas. E as geivotas sobor de nós.


Músicos: Emilio Cao (arpa, cítara, coros e voz), Bernardo Martínez (frauta), Xosé Ferreirós (gaita e percusión galega), Antón Seoane (zanfona e xilofón) e Xan Piñón (guitarra eléctrica).



Comentarios

Publicacións populares