TEMPO DAS ROMERÍAS

Vilas literarias: Quiroga


Recanto. Tempo das romerías


Ánxel Fole

Iste nome galego de "romería" pódese decir tamén "romeiría" e mais "romaría". Súa arredada orixe está nas pelerinaxes a Roma. En castelán "romería" non garda, cuasamente, máis que ista aceición. Sinto non haber lido nunca una axeitada eispricación ó gallo dista custión da orixe da verba. Como ben sabe o leitor, os peleriños chamábanse "romeiros", "palmeiros" e "xacobeos", según a cidade santa a que fixeran pelerinaxe.

O día de Santiago sinala o promedio das romerías do vrao. Dende a Santísima Trinidade hastra a Nosa Señora do Rosario. O Santiago celébrase en moitisimos logares da Galicia e de toda a Cristiandade. 


Gardo eu o ledo relembro —xa melancónico— das romerías do Santiago de Vilañán, no fermoso val do Queiroga. E dixen o ledo relembro, xa melancónico... A melanconía, moitas veces, no é máis que unha alegría que se murchou. O espeitro da rosa... Chocábame moito iste topónimo de "Vilañán"... ¿E il querería decir "logar de cordeiros" ou "años"?

Ista aldea está no rechao dunha serra, pendurando sobor da fermosa ribeira queiroguesa. Estiven na festa unha noite de lúa chea. O baile parecía un baraxar de pantasmas. Os estoupidos dos foguetes facían aturuxar ós mozos. Os que xa estaban lonxe respondían ós que aturuxaban na desfeita da romería. I a lúa chea, cara de pasmona, parecía escoitar sorridente, coma si se folgase da troula...

Mais gardo un relembro máis poético e tamén máis craro das romerías do Incio, polo tempo do Santiago. A de Rendar, a media légoa da Crus do Incio. Un campo ben grandiño, arrodeado de soutos e mais carballeiras. Por máis familia que alí se axuntara, habería sitio pre todos. Pra chegar aló había que pasar por Godral. "Sitio onde estiveron e mandaron os godos", decía eu, víndome ó acordo "Go", "Goás", "A Gudiña", etc. Será ou non será verdade... Era polo ano do corenta e sete. A música tocaba aquela canción americá, de moda daquela, que di:


Se fue el caimán, se fue el caimán.
Se fue para Barranquilla...

E tódolos mozos e mozas, cando cantaban, decían: "Se fue por la barranquilla"... Seguía a rexouba hastra máis alá da medianoite. E logo voltaban os festeiros en greas de catro ou cinco familias. Todos viraban a testa pra fitar as serpes de lume dos foguetes, que deixaban unha poeira de lus na noite estrelecida.

—¡Mira que bonito!... Parece un caravel de lume...
As mulleres chamaban polos seus nenos, pro medo que se perderan.
—¡Volve pra acó, galafate!...
—Es un burro zoupón.

Un rapaz, chispo subía a costa ó rechao, como fan os cabalos cando tiran dun carro de moita carga. Falaba il soilo...
—Se for de día, ben podería saber pola miña sombra se vou ou non vou borracho...

Mais a romería que máis me gostaba era a de Óutara, cuasemente ó pé da Crus do Incio. "Óutara", en esdrúxulo. Veleiquí un nome ben posto, coma o de "Sierra Morena", según Antonio Machado. Óutara, que está nun cumio. Se botades, xa postos en Óutara, a vosa ollada arredor, veredes montes que parecen esculpidos. Millor, modelados por un xigante mitolóxico neto do Caos e da Noite. Da outra banda do alto Cabe vedes os montes de Monteagudo, Santa Bárbora i o teso de Eume. Os labregos de por aló din "do Eime", sin diptongo, pronunciando "u" francesa...

Óutara está a carón de Canedo, único logar do Incio con viñedos. O viño de Canedo é lixeiriño e gracioso. Pódense beber dous netos ó xantar sin que, maiormente, se lle suba a un á cabeza. Viño moi axeitado pró beber de vrao no tempo das grandes fogaxes.

Queda abaixo o val de Biduedo, todo o ano verdecente e sombrizo. As bidueiras danlle o nome. Nunca tantos paxaros cantareiros sentín como naquelas eglóxicas ribeiras do Cabe alto, que ten o seu berce non lonxe de eilí. Gaios, auriolos, xílgaros, merlos...



Pola postura do sol xúntanse as choas, dando voltas e máis voltas polo ceo, pre ir facer noite na Cova das Choas. Elas lles dan o nome. A milleiros. Alí aniñan. Nunca se esquece un daquil espeitago. Graian que as leva o demo. Pinchan de mouro o roibo friso do solpor. A cova, antiga mina de ferro dos romanos, é dun vagantío tan grande como a nave dunha catedral. Pasa por embaixo o Cabe, coberto de escumas e rombando con carraxe.



Aquil ano viñera á romería de Óutara unha banda de música da provincia de Ouréns. Tocaba aquela tonada galega de "Dios lle pague a miña nai por facerme costureira...". A todos nos traguía o recordo das tonadas dos gaiteiros de Soutelo dos Montes. As bombas facían un estrondo tremendismo, como un tronicio. I sentíase rular e rular polas vagantas. Os foguetes escoaban na tébrega o seu pranto de azuceas e rosas desfolladas. Sacaban da escuridade os carreiros dos montes i os folgados vieiros dos fondais. E tamén as casiñas brancas pousadas como pombas nas airas, nos chaos das encostas. O meu relembro pérdese, como a lus dos foguetes, no mouro silencio da noite.

El Progreso
25-7-1965

Compilado por Claudio Rodríguez Fer para o libro. Ánxel Fole. Cartafolio Galego
Prensa & Criación
A Nosa Terra
1996


Imaxes:
Reinterpretación dunha fotografía festeira de Antonio Vidal
Pintura de Barclay event
Debuxo do libro Guía de aves do Courel. Varios autores (José Guitián RiveraIgnacio Munilla RumbaoMarcos González PousaMónica Arias Paz). Lynx Edicións
Fotografía de Emilio Blanco "Milucho"

Comentarios

Publicacións populares