Capas
Cantigas da Fradería (Movieplay). Jei Noguerol gravou o 31 de decembro de 1977, nos estudios Gema-2 de Barcelona o seu segundo elepé, que mantiña unha liña combativa en canto aos textos e de acordo coa situación de Galicia nos difíciles tempos da Transición. Sen esquecer o seu lugar de orixe, A Mariña luguesa, as mensaxes do cantautor están relacionadas con diferentes problemáticas que ameazaban a singularidade de Galicia. Os títulos indican a temática das cancións compostas e cantadas en galego por Jei Noguerol: “Cantiga dos malpagados”, “Cantiga do que aínda queda” ou “Cantiga das centrales nucleares, celulosas e petroleiros”, son algúns exemplos do contido social das pezas que se complementan coa música de excelentes instrumentistas cataláns e algún músico galego que toca instrumentos tradicionais, como o propio Noguerol, quen na penúltima canción “Alborada pra mañán”, malia os impedimentos, espera un futuro mellor para a súa terra de nacemento: Van chegando tempos novos/ e quero pensar que pronto,/ se farán as contas claras/ nestas terras de Galicia. O deseño da carpeta e a ilustración da portada do elepé son de Alberto Carpo.
Cancións: Cantigas da Fradería (Introducción). Cantigas pra escomenzar. Que fala do que alí había. Cantiga dos malpagados. Cantiga dos camiñantes. Cantiga do que ainda queda. Cantigas das centrales nucleares. Celulosas, petroleiros. Alborada pra mañán. Cantigas pra rematar.
Músicos: Jei Noguerol (guitarra, zanfona, cencerro e voz), Rafael Zaragoza (guitarra española, guitarra portuguesa, guitarra eléctrica, autoharp e percusión), Jordi Boell (guitarra española, guitarra eléctrica e baixo), Víctor Cortina (guitarra portuguesa e guitarra española) Paco Pérez (baixo eléctrico), Jordi Vilella (batería e percusión), Paco Pí (violonchelo), Eduardo Altaba (contrabaixo), Mauricio Villavechia (piano e acordeón), Pep Torras (frauta e píccolo), Xosé Lois Foxo (gaita) e Aurelio (vieiras).
Outras portadas: Denantes dos vinte anos (1976) e Polo Atlántico Norte (1986).
Comentarios