Capas




Kalaikia (Philips). A escena musical galega contaba a principios dos anos oitenta con diferentes bandas e solistas que, apoiándose na tradición musical do país, comezaban a ter recoñecemento fóra das súas fronteiras naturais por parte do público que tamén admiraba a xentes como Alan Stivell, Gwendal e outros nomes coñecidos da denominada música celta. En Lugo formouse o grupo Brath, que tamén recreaba o folclore tradicional, mais representaba unha novidade o seu primeiro disco de longa duración Kalaikia (gravado a finais de 1982), ao incorporar batería e baixo eléctrico para dar cobertura a outros instrumentos propios do folk: frauta, gaita, violín, laúde e acordeón. O resultado foi unha música máis emparentada co pop, o rock e o jazz cá doutras formacións parecidas. Salaio, Teima, Noite de troula ou A tola constitúen referencias destacables do son de Brath promovido polo seu líder, o baterista Eloi Caldeiro, quen estaba presente como compositor na maioría das pezas, todas elas instrumentais -outra das características desta banda-, durante a súa primeira etapa, na que tocaban excelentes músicos que axudaban á hora de compoñer. A carátula do elepé recolle un debuxo de A. Lenguas en ton humorístico sobre unha bruxa galega voando na súa vasoira, personaxe este moi presente na tradición popular do noroeste ibérico.

Música: “Salaio”, “Longo mencer”, “Pandeirada da Agraceira”, “E a choiva caendo”, “Teima”, “No antergo castro”, “Noite de troula”, “Festa no val”, “Primaveira” e “A tola”.

Músicos: Eloi Caldeiro (baixo e percusión), Xesús Álvarez (acordeón e teclados), Manuel Botana “Lito” (baixo), Xan Carballal (violín), Xosé Antón García (gaita e frautas) e Pedro Prósper (guitarra e laúde).

Outras portadas: Lembranza da auga (1988) e Viaxe alén de Fisterra (1990), Néboa infinda (1993), Cinco (2000), Rodeira (2001), O latexo do fogo (2004), Bulevar Océano. Vol. 1 (2005), Intres (2006), Codex (2013) e Enxebre (2017).




Comentarios

Publicacións populares