Cegos tradicionais
Nas feiras tradicionais nunca faltaban cegos ou cegas que repetían unha e outra vez as mesmas coplas acompañandose do monótono son da zanfona, o violín ou o acordeón. Ás veces levaban cartel no que estaban pintadas as escenas máis salientables dos sucesos que cantaba e que ía señalando o axudante mentres o cego as cantaba. Ó remate recollían da xente a esmola voluntaria ou vendían a folla co texto do suceso cantado.
O cego percorría o campo da festa e da feira co seu axudante. Este infomábao dos coñecidos e el botáballes unha cantiga improvisada eloxiando algunhas accións ou virtudes que o amigo lle agradecía cunha tallada de xantar ou esmola que era o máis esperado polo artista. Así, seguía percorrendo a festa ata o remate en que metía o violín no fardo ou penduraba do corpo a zanfona e marchaba para outro lugar.
Protagonistas da vida pública os cegos tamén cantan e tocan na rúa e prazas da cidade coa misión de facer ó público un pouco máis feliz.
¡Non se pode dicir que os cegos tradicionais non traballaban! Daquela non tiñan números de lotería na solapa ou no posto de venta nin constituían unha asociación como as actuais. Coñezo moita xente das aldeas, campesiños informantes do tema, capaces de recitarme aínda hoxe aquelas historias reais ou ficticias que escoitaban ós cegos que acudían ás feiras da redonda. Pois como di un deles. "O cego que canta/desgracias e alegrías/por dúas cadelas/vende sete coplas/con sete mentiras".
Os saberes tradicionais dos galegos
Xosé Antonio Fidalgo Santamariña
Editorial Galaxia
Linóleo de Xaime Prada e Óleo de Castelao, ambos sobre músicos cegos
Comentarios