Papel de heroes
Mortadelo e Filemón, 60 anos de probos chafalleiros
Se a banda deseñada en español non se entende sen o TBO, nado fai cen anos en Barcelona, tampoco se comprende a historieta da segunda metade do século vinte sen Francisco Ibáñez (1936), creador, entre outros personaxes, de Mortadelo e Filemón, que o pasado 20 de xaneiro cumpriron 60 anos de vida xubilosa nas páxinas de diferentes publicacións. Leda celebración sen dúbida para os miles de seguidores da parella de investigadores que evoluciona no fondo e na forma do seu traballo, herdeiro sen temor a equivocación daqueloutro matrimonio aventureiro que desenvolveu as súas fazañas no territorio dun lugar da Mancha do que non se quería acordar o seu autor.
As comparacións son odiosas pero boto man delas neste caso á parella formada por Don Quixote e Sancho, tan universal ela, como a formada polos tamén heroes do papel e da pluma, Mortadelo e Filemón. É máis, pódese dicir que Ibáñez ten a fortuna de facer evolucionar ás súas crías de tebeo desde fai seis décadas. O debuxante e guionista barcelonés por ventura coñece en vida o recoñecemento da súa obra sen necesidade de pedir axuda a condes ou aloxo en escuros conventos para desfacer os reais entuertos que viviu Cervantes.
Daqueles babecos de imaxe próxima os detectivos saxóns liderados por Holmes e Watson, hai un longo percorrido ata os actuais panocos que seguen meténdose en leas, aínda que na actualidade xa dispoñen dun campo máis amplo que o de outrora cando a censura da ditadura franquista impoñía modos e modas mediante o Ministerio de Información e Turismo ocupado entón, en 1958, polo falangista Gabriel Arias-Salgado.
E é verdade que non hai cor entre aquela aventura en torno á Axencia de Información e a rúa dunha populosa cidade española, recollida no número 1394 da revista Pulgarcito, da Editorial Bruguera, punto de encontro de centos de artistas que durante anos traballaron duramente en bastantes casos para chegar a fin de mes. A obtención da escasa peseta estaba no fin último do labor de Mortadelo e Filemón. Agora, autónomos e con revista propia, está no euro que outros obteñen por millóns, en concreto os investigados pola parella que non dubida en mergullarse no escuro mundo da corrupción política protagonizada por un personaxe de carne e óso apelidado Bárcenas, "El tesorero", non só do Partido Popular durante un nefasto periodo de tempo, senón tamén protagonista do número 200 (2015) das aventuras das súas perseguidores sobre o papel.
Nunha sociedade de pleno no terceiro milenio da revolución tecnolóxica, das présas, do correcto políticamente, dos abusos, das guerras, do fame e da miseria, entre outras verdades, Mortadelo e Filemón dispoñen dun amplo catálogo para seguir cos seus intentos de mellorar as cousas. Xa que logo é de esperar que non se xubilen aos 67 anos e o seu autor execútenolos como ocorre cos cidadáns do montón ou con outros heroes do ámbito da historieta que non souberon adaptarse aos tempos que corren.
Comentarios