Vilas literarias: Quiroga


De Lugo a Sargadelos con Fole e Novoneyra


Manuel Rodríguez López


Fermosa viaxe a que fixemos de Lugo a Sargadelos co académico Ánxel Fole, co poeta do Caurel, Uxío Novoneyra, e con Benxamín Andrade. Longa e instructiva a conversa que tratou de poesía, da paisaxe, das orixes léxicas dos topónimos e ata da evolución do "homo sapiens". Chispeantes ocurrencias de don Ánxel como a que tivo ó chegarmos a Trobo onde, segundo el, hai anos aínda se podía ler no cruceiro: "Aquí están os nosos osos agardando as lombas do montes, noutrora cos vivos amarelos das retrebas, que perderon intensidade e presentan unha cor cincenta e tristeira por mor do abandono e de non haber quen as traballe. "Non hai moitos anos —afirmou don Ánxel— non era difícil ver tolas a fumegar. Tolas provén do latín "combustuere, combustum" e quere dicir queimado, igual que "bustos" e "bustelo".


     Ánxel Fole, segundo pola esquerda, en A Veiguiña (Quiroga)

Tamén o Benxamín, en vendo unha mesta carballeira, explica a diferencia entre carballo "albar" —máis alto— e o "mourán" —de mellor cerna—

"No Caurel —engadiu Novoneyra— hai unha clase de carballo chamado "rebola", de aí os nomes "Reboleira" e "Devesa do Rebolo". "Rebolo é o carballo groso e grande".


Novoneyra prosista

As sesenta e seis curvas da carretera dende Abadín ata Mondoñedo, pasando polo alto da Xesta (540 m.), con impresionantes quebras de terreo e fondas veigas, transcurren doadamente, en agradable conversa.

¿Por que tes —preguntámoslle a Uxío— tan pouca producción poética.

"Ultimamente adícome, máis ben, a facer peregóns e discursos. A poesía é unha arte para a que é meseter un entusiasmo demasiado forte. A escritura de gran valía é a que se fai ós viente-trinta anos. Raramente podemos falar de grandes poetas que escribiran despos dos corenta e cinco... polo menos que traian algo novo".

"Boa proba —engadiu don Ánxel apoiando a afirmación do poeta —témola en Rimbaud, que deixou de escribir ós 17 anos—. "Escribiche pouco, pero cánta obra inutilizaches", díxolle un amigo".

É unha constante ver que moitos escritores que encetaron a súa carreira literaria escribindo poemas, pasáronse á prosa. O mesmo lle sucede a Uxío que, dende hai anos, destaca como pregoeiro en actos como o celebrado na Casa de Rosalía no ano 1979 con gallo, precisamente, da entrega do Pedrón de Ouro a Ánxel Fole; e os de Vigo, no día da Feira do Libro; de Ferrol, na praza de Armas ateigada de público, e, recentemente, o de As Pontes, traballos que pensa publicar en libro co título "O Pregón de Ferrol e outros discursos".



Homenaxe a Cunqueiro

O autor de "Os Eidos" e "Elexías do Courel" ten pedida unha antoloxía bilingüe dos seus mellores poemas por "Plaza Janés". Ultimamente, Ediciós Xerais vencellou o seu nome á colección "Grandes Mestres" e xa publicou tamén o orixinal en galego noutra edición bilingüe de "Adonais". Novoneyra é un gran "decidor" de poemasa: "case me gusta tanto —afirma decir un poema como escribilo". Falamos de Rafael Alberti —outro gran "decidor"— e logo recita "Monumento á Ausencia", do autor de "Nimbos", Xosé María Díaz Castro, un dos seus poetas máis admirados. Tamén "dice" "A Brétema", de Noriega Varela, poema que el define "un soneto con aire, ritmo e música doce de montaña courelá".

Ó baixa-las revoltas costaneiras cara á vizosa veiga de Mondoñedo o poeta de Parada do Courel —el non di Caurel— recorda con agarimo ó gran vate mindoniense, Álvaro Cunqueiro, e —como homenase— "dícenos" coa súa fermosa voz grave "No Niño Novo do Ventro, poema autógrafo do chorado poeta que Uxío conserva como unha alfaia.



Elva fai poesía automática

Novoneyra, autor de poemas nacionalistas, políticos e de cantos á liberdade, escritor de saltos estilísticos fortes, maravíllase diante da fachada do mosteiro de Lourenzá e, ó chegar a Espiñeira, agláianos coa súa confensión: "É a primeira vez —afirma— que vexo o mar de Lugo". Outra cousa que non sabiamos é que Elva Rey, a súa dona, tamén fai poemas. "Elva —dinos— sen ningún afán de publicar escribe poesía automática, a toda velocidade, segundo pasa o pensamento, como unha banda do presente. O lector deste tipo de poesía percibe moi ben as vivencias e o ritmo da época en que está escrita".



Ditos do Caurel

Chegamos a Sargadelos. Isaac Díaz Pardo recíbenos coa hospitalidade e afecto de costume. Tamén témo-la dita de estreita-las mans do amigo Alonso Montero e, no Auditorio do Seminario de Estudios Cerámicos, asistimos á clausura da XI Experiencia de Sargadelos e regresamos á Cidade do Sacramento por Viveiro. No porto da Gañadoira (720 m.) os cabalos en liberdade invaden a estrada e a néboa recorre o picoutos. 

"A esta néboa desfiañada —cóntanos Uxío Novoneyra— no Courel chámamoslle "burros de néboa", quizais porque semellan farrapos desfiañados do pelo dos burriños".

A postra do sol fai que don Ánxel se lembre das paisaxes do gran pintor lugués Blas Lourés "refinado pintor colorista —di— e profesor do Círculo das Artes. E Uxío cóntanos outro dito do Courel: "Rubieis ó nacente, sol ó día siguiente; rubieis ó ponente, auga de repente". Pero o dito do Caurel non se cumpríu e chegamos a Lugo sen novidade.


El Progreso, 31-X-1982






Recollido en: Viaxes con Ánxel Fole
Manuel Rodríguez Castro
Ediciós do Castro
serie testemuña 
1988

Comentarios

Publicacións populares