Pola banda da historieta, pola banda deseñada


"Hai outros mundos, pero están neste", dicía o anuncio dunha serie de televisión estadounidense da década de 1990. E isto vén ao conto que escribo porque o territorio do que vou escribir ten a súa orixe oficial na modernidade que impoñía a prensa en todo o mundo baixo a influencia da que entón potencia comezaba a súa andaina

Aínda que aos tombos, Estados Unidos segue sendo o espello no que se miran moitas nacións, mais polo baixiño os nacionalismos e outros ismos manteñen ese espírito tan crítico á súa maneira de rexeitamento á metrópole. Nada novo, os caudillos animan tamén ao seu xeito a uniformidade imposta política, económica e ideoxogicamente.

A perorata serve para recordar a exposición Historietas del tebeo 1917 - 2017, aberta no Museo ABC, de Madrid, un espazo de reencontro con eses mundos ficticios que están no pensamento de persoas de diferentes xeracións que alimentan as súas vivencias co deleite da viaxe por espazos ideados e de variada compostura. Abrir a historia en calquera páxina, parece que é caer nas redes da reiteración de feitos, de lugares e de xentes.


Pero no caso da mostra antes citada, aqueles mundos e personaxes, por non falar dos seus creadores, aínda que algúns manteñan unha laboura envexable - un recordo para Ibáñez e as súas creacións, xa mencionados neste espazo, na idade de xubilación dos mortais-, nacen, viven e morren, pero algúns quedan como clásicos moitos anos despois do seu pasamento. Eses elexidos sen embargo foron "estrelas rechamantes en vez de planetas dormidos", e esa cualidade apreciase nos orixinais e exemplares dos cómics expostos no Museo do ABC.

Indo á cronoloxía sobre os tebeos expostos no centro da rúa Amaniel 29-31, a data crave para o percorrido pola exposición está fixada en 1917. E ao lembrar aquel ano de estrondo bélico a nivel mundial, hai que ter en conta o nacemento da revista TBO, en Barcelona, que deu nome en España ao xénero aquí mencionado.

Moi ao principio dos anos 60, a revista tiña xa un aire diferente ao do seu comezo. É que 43 anos deron para moito. Pois si: un longo reinado constitucional con Alfonso XIII, unha dictadura, unha dictablanda, una República, unha guerra civil e outra dictadura, pero moi longa. Cunha tirada de miles de exemplares, envexable hoxe para calquera medio do minguante papel, as páxinas do cómic exemplar, vaia a redundancia, seguían acollendo zumentas historietas de debuxantes e guionistas hoxe indicativos para entender a evolución da novena arte en España que se mantiña ante os embates dos tempos nada doados para a evasión. Si, novena arte, para desgraza de almibarados académicos, que soubo adaptarse a todos os tempos. Polo menos hasta ben entrada a década de 1970.

No que respecta aos orixinais expostos, como miles dos que no seu día foron nenos, mozos e adultos, puiden reencontrarme, por exemplo, coas aventuras de Morcillón e Babali, de Buigas, Bech e Benejam; coa La familia Ulises, Josechu el vasco, Altamiro de la cueva ou Historias de Fort Baby entre outros das ducias que ocuparían moito espazo se os nomease, e cando xa parecía que un iba a quedarse sen vista e cos miolos secos ante tanta aventura, como aquel Quijote, Quijana o Quesada da Mancha, xurdían como centellas Los grandes inventos de TBO, del profesor Franz de Copenhague, e os ollos volvían recuperar a rixidez ante os atrapallados artefactos de surrealista deseño e abstracto uso, moi na onda da hispana teima de improvisar aloucadamente ante calquera situación, problema ou anécdota.

Pero iso non era exclusiva do TBO, porque nunha onda máis adaptada aos tempos ían xurdindo outras revistas en formato horizontal como Pulgarcito, Virolet, Pinocho, Gente Menuda, Pocholo, Mickey, Flechas y Pelayos, Chicos, El Coyote, Merche, Cuto, El DDT, La Capitana, La Risa, Yumbo, Pumby, Tío Vivo, Trinca, Butifarra, Trocha, Paracuellos, El Papus ou El Jueves. Nomes só dunha parte mínima dos centos de proxectos ideados para o público máis novo, revistas que xa na segunda metade dos anos setenta foron facéndose adultas de palabra e de obra, pero non de omisión dos grandes problemas que levaban as súas páxinas a pesares dos atrancos -incluidos secuestros, peches ou multas impostos pola censura das instancias oficiais, cando non era un atentado con bomba incluida, como o sufrido por El Papus, co resultado dun traballador morto, pola acción dos grupos ultras amparados polo franquismo remiso a retirarse.



E nese proceso de cambios, o baile das revistas fixo un fermoso e construtivo xiro a esquerda, mais como os nostálxicos dos tempos pasados, os heroes tamén se rebelaron desde os seus espazos apaisados. Pero outra vez os setenta impoñían o novo ritmo. E os persoeiros noutros tempos hexemónicos, a pesar das súas boas condicións físicas e mentais non puideron chegar á outra beira. Nin a maquillaxe nin a apertura de miras servíronlles para flotar nas revoltas augas dun mundo cada vez máis cambiante en modos e modas. Pero quedan no museo dos recordos Roberto Alcázar y Pedrín, El Guerrero del Antifaz, El Pequeno Luchador, El Cachorro, Roy Anders, Hazañas Bélicas, Milton el Corsario, El Pequeño Pantera Negra, El capitán Trueno, Apache, El Jabato, Florita, Azucena, Mary Noticias o Claro de Luna.

Todos eles xustos, agresivos non disimulados, de gatillo, espada ou coitelo fáciles, como a maioría dos actuais heroes das miles de películas e das series de televisión que tanta audiencia teñen e tanto diñeiro xeran as súas emisións. Mentres que elas, as mulleres, non se saían do guión imposto polo nacionalcatolicismo, ao cal lle chegou tamén o seu San Martiño en forma de revistas, cómics ou tebeos de contido social, contracultural ou pasota.

Vaia, pois, unha longa vida ou mil primaveras máis para os cómics, unha parte esencial da cultura popular que grazas a centos de artistas deron vida non só aos seus inesquecibles personaxes senón tamén a miles de nenos e adultos que gozaron grazas os debuxos e a escritura que que naceron á beira doutras artes representativas do século XX como o cinema e o jazz, cos que como bos compañeiros de percorrido interrelaciónanse ás veces con excelentes resultados para goce dos afeccionados ás historietas, ás películas e á música improvisada.

Historietas del tebeo constitúe un delicioso percorrido polo mundo dos cómics grazas á presenza de 300 obras, das cales 180 son orixinais -nos que se percibe de forma directa o traballo dos artistas- e 120 revistas que non son todos os que están, pero responden perfectamente á definición de cómic. Como tamén responde a dúbidas por medio dos apartados en que se divide a exposición: o cronolóxico xa mencionado que vai desde 1917 a 1977, o relativo a xéneros, personaxes e autores e, por último, o relacionado coas intimidades do cómic.

Comentarios

Publicacións populares