Sabato e o tango

O tango, polémicas á parte, pois todo o popular produce grandes adhesións e amplos rexeitamentos, representa a esencia dunha cultura que se desenvolveu en torno á cidade de Bos Aires e os seus arrabaldes, mesmo chegou á veciña Montevideo, para ao final alcanzar un grao de universalidade que conecta co doutras músicas como flamenco, blues, jazz, samba, fado, pop... Iso apréciao moi ben Ernesto Sabato (1911-2011), quen deixa por momentos as filosofías máis transcendentais traídas de Occidente para internarse nunha forma de vida que vai máis alá dunha simple danza lasciva, porque segundo o escritor arxentino é un acto de fuga e rebeldía, pois se crea o que non se ten, o que en certo modo é obxecto da nosa ansiedade e da nosa esperanza, o que maxicamente nos permite evadirnos da dura realidade cotiá.

Coas súas acertadas ocorrencias, Sabato achega aos profanos e os entendidos o tango, pero sen caer en mioludas conclusións, o cal se agradece ao veterano escritor, quen vai debullando a historia, os segredos, as verdades, as lendas do tango, canción de Bos Aires, en capítulos que abordan a hibridación, o sexo, descontento, bandoneón e metafísica, para a continuación deixar que outros expoñan as súas opinións dende diferentes estrados e sobre os máis variados camiños polos que se move a canción porteña, dende a presenza do italiano ao lunfardo, pasando polo rexeitamento e apoxeo e o tango e a literatura. 


Tampouco falta un pequeno breviario de palabras lunfardas e algunhas imaxes atractivas que converten o libro en obra imprescindible para achegarse á música máis popular de Arxentina. Así, coma se do arranque dunha nostálxica canción se tratase, fai a introdución Ernesto Sabato da súa obra Tango, discusión y clave. Editorial Losada. Buenos Aires. 1997. Un xénero musical que no ano 2009 foi declarado Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO).


Sabato na xuventude

Sabato escribe unha nostalxica introdución que o leva a nenez cando o tango estaba no seu apoxeo. Máis de cen anos de historia da canción porteña coñecida e cantada case en todos os rincóns do mundo. E como entonando sen bronca di: "Cando a dureza e o furor de Buenos Aires fan sentir máis a soidade, saio a camiñar por eses barrios que timidamente, con vergoña, conservan un minúsculo tesouro dun pasado menos duro. Unha maceta con  malvóns, algunha reixa atrasada. Pero xa Boedo non é o que cantou De Caro, nin  Chiclana a rúa de  Estercita, nin Ponte  Alsina o da vella barriada que viu nacer ao poeta rueiro. En balde buscaremos as raparigas arredor do gringo e o seu organito, ansiosamente mirando a cotorra, esperando do seu pico a boa sorte ou o amor. Feliz de vos, Homero Manzi, que che fuches a tempo, cando aínda era posible escribir esas cancións de  trenzas e almacéns. Cando aínda os espíritos non estaban  resecados pola ferocidade e a violencia. Xa non hai noivas detrás das persianas esperando ao gringo e o seu  monito. Xa morreu o último  organito, e a alma do suburbio quedou sen voz".


Comentarios

Publicacións populares