Capas



On the beach (Hispavox-Reprise). O sexto disco de longa ­duración de Neil Young (Toronto, Canadá, 1945), editado no ano 1974, recolle oito cancións escritas polo cantante e guitarrista canadiano, ao que acompañan músicos de The Band, Stray Gators (cos que gravara Harvest, e que na década dos 90 volverían colaborar en Harvest moon e Crazy Horse. Tamén están Graham Nash e David Crosby. A fotografía da portada do LP capta a Neil Young de costas e contemplando o mar, mentres que detrás do cantante están colocados varios obxectos sobre a area: un parasol, un par de cadeiras, unha mesa, a parte traseira dun automóbil dos anos cincuenta fundido na area e un xornal aberto. O disco ten o mesmo título da novela homónima de Nevil Shute (1899-1960), cuxo argumento se centra no caso dunha catástrofe nuclear. A obra literaria foi levada á pantalla grande polo director Stanley Kramer en 1959, baixo o título La hora final en España, e por Russelll Mulcahy no ano 2000, como On the beach. A dirección artística e o deseño da carpeta corresponden a Gary Burden de R. Twerk & Company. A fotografía da portada é de Bob Seidemann, habitual neste tipo de traballos, entre os que destaca a carauta do único disco oficial da superbanda británica Blind Faith (1969). As letras do título e autor levan a firma do debuxante Rick Griffin, coñecido polos seus deseños de portadas de vinilos de grupos e solistas da Costa Oeste norteamericana. Disco entre Times fade away (1973), gravado durante unha xira por varias cidades dos Estados Unidos, e Tonight’s the night (1975), On the beach é un álbum máis repousado que o primeiro dos citados, pero tamén menos dramático que o segundo. Nótase que On the beach, disco de ouro en setembro de 1974, recolle sesións diferentes: “Walk on” e “For the turnstiles”, en Broknarrow Studios de San Francisco, e o resto en Sunset Sound dos Ánxeles. A canción “See the sky to rain” apareceu uns anos antes no LP de reunión dos cinco fundadores de The Byrds (1973). A canción que dá título ao LP e a extensa "Ambulance Blues", xunto ao resto do repertorio, converteron en disco de culto a On the beach.

Cancións: “Walk on”, “See the sky about to rain”, “Revolution blues”, “For the turnstiles”, “Vampire blues”, “On the beach”, “Motion pictures” e “Ambulance blues”.

Músicos: Neil Young (vocal, guitarras, armónica, banjo e Wurlitzer piano). Ben Keith (slide guitar, steel guitar, dobro, baixo, órgano, “hand drum” e voces). Billy Talbot (baixo). Ralph Molina (batería, “hand drum” e voces). Tim Drummond (baixo e percusión). Levon Helm (batería). Joe Yanke (armónica). Rick Danko (baixo). David Crosby (guitarra rítmica). George Whitsell (guitarra). Grahan Nash (Wurlitzer piano). Rusty Kershaw (slide guitar e violín).

Outras portadas: Neil Young (1968). After the Gold Rush (1970). Harvest (1972).  American stars 'n bars (1977). Comes a time (1978). Trans (1983). Old ways (1985). Harvest moon (1992).  Sleeps with angels (1994). Prairie wind (2005). Fork in the road (2009). Psychedelic Pill (2012). Paradox (2018).











Dedicado a Juan Gabriel Rodríguez (1954-1980)



Comentarios

Publicacións populares