ÁNXEL FOLE EN TÁBOA REDONDA


Vilas literarias: Quiroga 



O contacto coa paisaxe e as xentes do concello inspirou algúns relatos do autor


Quiroga, terra musa de Fole

XOÁN ROLO

Nado en Lugo o once de agosto de 1903 pasou en Quiroga doce anos, dende o 41 ó 53, ano no que volta para Lugo, pero segue mantendo contacto cos amigos e a paisaxe de Quiroga e do Caurel, terra á que Fole amaba profundamente. Dela dixo. "Eiquí se achan as devesas meirandes de Galicia". "Por alí anda o lobo e o xabarín". "Nunca vin águias tan fermosas coma as dista terra". "Terra de corzas, xabaríns, perdices, lebres e coellos". "Non creo que haxa en ningures troitas máis finas e sabrosas cas destes ríos". "E o paradiso do cazador e do pescador". "O seu clima é moi bo para a saúde e as súas augas curan moitos males". Eiquí nestas fermosas terras de Quiroga publica o seu primeiro libro Á lus do candil. Contos a carón do lume (1950-51, publicado en 1952).


O seu primeiro libro sírvelle de escenario para a maioría dos seus relatos, moitos dos cales foron ouvidos polo escritor a carón dunha fogueira e á lus dun candil e logo transcritos sen apenas variacións no tema. 

As súas experiencias nas terras de Quiroga, o contacto coa paisaxe, as xentes e os costumes, terán por tanto, un papel fundamental na súa obra, convertíndoo nun dos escritores que mellor soubo plasma-la realidade popular galega.

Proclamada a 2ª República en 1931, Ánxel Fole foi elexido vocal da ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma).

O seguinte ano entrou no Partido Republicano Radical Socialista como vicepresidente da agrupación de Lugo presentándose como candidato nas eleccións a deputado do 19-11-33. Pouco máis tarde apártase desta organización política, á que consideraba demagóxica e ingresa no Partido Galeguista como secretario no ano 1935, sendo presidente Xosé Fernández Oxea, máis coñecido polo seudónimo de Ben-Cho-Shey.

No ano 1941 iníciase para Fole un período de fondas vivencias, o contacto coa paisaxe, cos paisanos, coas súas costumes, lendas e crenzas influirá tanto na temática das súas obras como no estilo literario que o caracteriza: nidio, sinxelo e popular. Moitas das expresións e do vocabulario empregados por Fole son propios dos habitantes do Val de Quiroga.

Eiquí escoitará contar numerosas historias a fabuladores populares a carón da lareira, nas tabernas á lus do candil de carburo, nos velorios, nas feiras e nas festas e vivirá el mesmo outras que lle inspirarán boa parte dos seus argumentos.

Pasou tempadas no Incio e en Quiroga, concretamente no pazo de A Veiguiña, propiedade da familia Quiroga, descendente do político decimonónico Benigno Quiroga Ballesteros e da cantante Julia Espín, musa de Bécquer.

A pesares de que durante a súa estancia na Veiguiña tiña solucionados os problemas básicos, como alimentación e tabaco—era un fumador empedernido—, Ánxel Fole carecía de solvencia económica para viaxar, atopábase con frecuencia, como dicía el "impecune".

Probablemente esta fose a causa das pouco frecuentes incursións por terras de O Caurel que tanto admiraba e que son o escenario de gran parte da súa obra. O seu traballo consistía en impartirlles clases ós fillos dos Quiroga, actividade pouco valorada naquela época polo que "pasou tanta fame como un mestre de escola".

Naquela época os bolígrafos escaseaban, eran caros e de pouca calidade, Fole empregaba unha pruma de ouriolo, o paxaro presente en moitas das súas primeiras obras poéticas, porque Fole tamén escribíu poemas aínda que esta faceta como poeta quedou eclipsada pola calidade da súa obra narrativa.

Un exemplo desta faceta é o poema titulado Salutation al mes de mayo, escrito polo 58 en Quiroga coa famosa pruma de ouriolo. 

A D. Ánxel chocáballe moito que nunha comarca tan pequena como é a que forma a parroquia de San Salvador de Hospital, en Quiroga, existiran tantos nomes clásicos, como por exemplo: Belisario, César, Cornelio, Flaminio, Lucrecia, Ovidio, Píndaro, Rómulo, Tiberio e outros máis que non lembramos.

Nas poucas conversas durante a cea na fonda Paramés de Lugo, cuia mesa soliamos compartir —moi gostosamente, por certo— falabamos decote sobre a toponimia quiroguesa, cuios étimos nos explicaba cunha claridade meridiana.

No caso de Santa Cubicia, o lugar donde el elaborou a meirande parte das súas narracións, entre elas Á lus do candil contos, a carón do lume. Escribiunas coa lus dun candil de carburo, na taberna de Luis do Caloto, na aldea de Santa Cubicia, como a 200 metros da casa da Veiguiña, onde morou Fole, e tiña o seu escritorio nunha amplia galería da casa dos Quiroga.

Dicíanos que Santa Cubicia procedía do latín Sanctus (santa) e Cviculum (alcoba, dormitorio... ¿Curioso?).

Outro exemplo é o topónimo Bendollo, tamén do Concello de Quiroga, que según el nos afirmaba viña de vento e ollo. O de vento non precisa maior explicación, i o de ollo, deben de dar este nome aplicado ó nacemento da auga. Vento, nin que dicir ten, por ser o vento reinante na aldea.

Outros moitos, razonados, que sería longo explicar. 

¡Ah!, en Quiroga hai un home listo e moi chocante que vive na vila: Montenegro. Iste home é o que máis sabe de topónimos, "a súa maneira"... Autramente é un bó home, moi coñecido e apreciado en Quiroga e en O Caurel.

O grande amigo noso e mellor poeta, Uxío Novoneyra, visitou a Fole na Veiguiña. Dil dice o narrador: "En 1952, cuando yo estaba escribiendo en una amplia galería de la casa de la Veiguiña de los Quiroga, entró un muchadho alto y delgado, de bigote. Era Uxío Novoneyra, que ya conocía por referencias"...
No ano 60, don Ánxel en compañía de seus amigos Carlos Maside, Ramón Piñeiro, Varela Jácome, García Sabell, Celestino F. de la Vega, Carballo Calero, Ben-Cho-Shey, quenes, en compañía das súas respectivas donas se achegaron á casa de Novoneyra. Alí estaban tamén a poetisa María Mariño, a noiesa do Caurel, co seu marido, a que nós apreciamos moitísimo.

Por certo que o casal dos Novoneyra, ó noso ver, aparece citado —sen citalo— por Fole, cando fala da terra brava do Caurel.

Aínda que tiña un aire introvertido, era unha persoa de agradable conversa, perseguido polos estudantes inquedos que querían afondar no coñecemento de Galicia. 

Fole era un libro aberto. Moitos aprendemos a amar a Galicia falando con el, nunha época na que o galego estaba, non só ausente das escolas, senón practicamente prohibido.

Nós tivemos a sore de coincidir con el en moitas das ocasións das miñas idas a Lugo por mor do meu traballo no Concello de Quiroga e, derradeiramente, no de Ribeira de Piquín, cando o achaba comendo, decatábame que estaba elaborando mentalmente a súa obra, pero cando chegaba Xan Rolo, o de Quiroga, desconectaba e desfacíase en atencións hacia min, ávido de escoitar falar da terra que tanto o insoirou e amaba.

Contábanos dalgunha curiosa anécdota, tal a dun carpinteiro a quen os Quiroga lle fixeran o encargo dunha cancela para o xardín fronte da casa, i o preguntarlle á señora que tal quedara, vai o artista e, moi finolis, respostou: "Las cancillas le quedaron muy correspondientes y gubernativas". Claro, quería dicir que encaixaban perfectamente i eran manexabres doadamente.

De camiño cara á Igrexa de San Salvador de Hospìtal, dona Mercedes Fole Martínez, media irmá de don Anxo, camiño da súa casa do pazo de Outeiro, preto da igrexa, como a 300 metros, cando ía á misa do domingo, acompañada pola súa criada, comentou que, como había moito bulleiro no camiño, por mor das chuvias, vai e dí: "El camino está hoy intransitable"... A criada, oíndo aquel cultismo, tomou boa nota... Tal, que ó seguinte domingo, e como a señora atopábase na cama cun resfriado, a boa da criada foi soia a misa. O Crego, ó ver que non viña a señora, preguntoulle: "¿Y la señora, cómo no viene?" "¡Hay señor cura!, ¡estalle intransitable! (ou sexa, mala, coma o camiño)...

Era o día 21 de maio de 1972, domingo seguinte ó Día das Letras Galegas, que aquil ano se lle adicaba a Valentín Lamas Carbajal.

Oficiárase unha misa na igrexa dos Franciscanos da praza de España, en Lugo... ¡En galego!

Era a primeira vez que ouira empregar a nosa lingua a un crego na liturxia da misa ¡Causoume unha fondísima —e gratísima— impresión!...

Ó remate da misa, Ánxel Fole, Juan Soto, A.G. Camarón e mais nós, saímos xuntos deica o restaurante da estación de servicio Río Miño, onde se ía a celebrar o banquete conmemorativo da feliz data.

Baixando xa cara ó lugar do banquete, foime entregado o primeirísimo exemprar do libriño non venal, ¿E decímolo ou no no decimos?

¡Aínda viña quente!, recén saído do prelo. Fome asinado, cando baixabamos polo barrio da Chanca, e por non haber lugar mellor foime asinado por tódolos tres: "Autor, prologuista e traductor máis o editor... ¡Gardo iste exemplar como faría cunha valiosísima alfaia!

Debuxo de Doreste



Artigo editado no Suplemento de Cultura:
Táboa Redonda
Segunda Época
El Progreso, sábado 31 de maio de 1997

Comentarios

Publicacións populares