Sherlock Holmes sen Sir Arthur Conan Doyle


Sherlock Holmes é sen dúbida un dos personaxes máis universais da cultura popular (literatura, cinema, cómic). Por iso non é estraño que o heroe tivese que volver da outra vida da man do seu autor  Sir Arthur  Conan  Doyle, debido ás protestas dos lectores. Un, que non é moi sherlockiano, non sei se se escribe así, está instruído desde moi novo nas aventuras do máis coñecido detective de todos os tempos, por iso decidín rescatar da  balda de novelas de misterio,  policíacas, negra e similares ao ilustre británico  paladín da dedución. 



No meu caso non recorro a  Conan  Doyle, senón a dous autores distintos pero da mesma nacionalidade:  Maurice  Leblanc e Alexis  Lecaye. Do primeiro, editada na inesquecible Serie Negra de Edicións de Peto, é Arsenio  Lupin contra  Herlock Sholmes; do outro, Marx &  Sherlock Holmes, publicada en  Mascarón Negro. Ambas corresponden respectivamente aos anos 1974 e 1981.

O entretemento está asegurado para quen se atreva coas dúas novelas, motivo polo cal engado as seguintes liñas de contraportada de libro de peto:Holmes – Sholmes- e  Lupin enfróntanse e, á vez, dan pistas para analizar os caracteres tópicos do Reino Unido e Franca, así se anunciaba a novela de  Leblanc; porque se o autor fose  Doyle, o final sería outro.

Pola súa banda,  Lecaye retrocede ao Londres de 1871, cando Holmes recibe a visita inesperada do líder da Internacional,  Karl Marx, perseguido por un matón a soldo –a palabra sicario non se utilizaba tanto- de  Thiers e  Bismark. A procura do asasino comezo en Londres e continúa en París, na primavera da sanguenta  Comuna. Por certo,  Lecaye, escribiu outras aventuras do detective inglés nesa ocasión en compañía de Einstein, pero é outra historia dos centos que circulan co famoso detective como personaxe recuperado por decenas de escritores.

Comentarios

Publicacións populares