Taberneiros

Na literatura costumista a taberna aparece como un lugar frecuentado por vagabundos, pícaros, xogadores de cartas empedernidos, especialistas do mercado negro e outra xente de dubidosa reputación. Parafraseando a Antonio Machado, trátase do espazo espiritual e social particular, que acotío é criticado por un bo número de xente ben pensante.


As tabernas foron e continúan a ser lugares de encontro e tamén de compra e venda de todo tipo de mercadorías, non só bebidas para o consumo inmediato na mesma taberna. Ademais son espazos nos que se teñen realizado tratos entre comerciantes e clientes de moi diversa natureza, mais case sempre en relación con produtos e bens do agro. Tamén son senlleiras as tabernas dos portos galegos, lugares de encontro e síntese da vida e intercambios dos barcos pesqueiros e mercantís.


Taberneiros e taberneiras adaptáronse ao modo de vida e necesidade da xente de cadansúa contorna, e abastecéronas de toda clase de bebidas, así como de todo o elemental para traballar, facer as festas e vivir. Tamén deron comida e pousada aos camiñantes e profesionais ambulantes. Deste xeito, os taberneiros e as taberneiras deron de beber pero tamén eran tendeiros que abastecían de todo o necesario a veciños e foráneos: roupa, candeas, conservas, alimentos frescos, tabaco, selos... Foros persoas ben consideradas entre os campesiños, aínda que desconfíen un pouco deles, como se reflexa no refraneiro popular, debido á súa posición de mediadores entre a produción e o consumo.

Co tempo, estas ancestrais tabernas pasaron a ser semiurbanas e urbanas e as persoas nelas traballaban fóronse ocupando nos diversos oficios dos establecementos do ramo da hostalaría. Cada vez son menos os establecementos que combinan a dispensa de bebidas, viño, augardente, etc, co despacho de alimentos como se facía nas tabernas tradicionais nas que se podía tomar un viño, mercar unha xerra ou botella para levar á casa e ao tempo mercar elementos de primeira necesidade para a casa.


Técnicas artesanais tradicionais
José Antonio Fidalgo Santamariña e Fátima Braña Rey
Difusora de letras, artes e ideas SL
Ourense, 2010


Fotografíasde  © Bene (1), © Antonio Vidal (2 y 4) y fotograma (3) de La casa de La Troya (1959), de Rafael Gil

Comentarios

Publicacións populares