As malas linguas teñen dito que María Victoria Moreno escribía en castelán e logo traducía ó galego.

Iso é mentira podre. Eu sei catalán, portugués, francés moi ben, italiano... Por iso, xa cando cheguei a Pontevedra empecei a chamar a atención pola miña capacidade para o galego. Aquí toda a xente de fóra dicía "soubas". Pero como é unha articulación prepalatal fricativa e xorda, souben recoñecela e pronunciala perfectamente desde o comezo. E a xente dicía: "¡Ai, esta di "xoubas"! Logo, lin a don Ramón Otero Pedrayo. E seguín aprendendo moito léxico. E, sobre todo, é que me interesaba. Interesábame porque estaba comprometida coa xente que falaba en galego, que eran os traballadores, os obreiros, os labregos... Ademais, eu escribo en galego porque teño dereito a facelo, porque podo e porque o fago mellor ca moitos galegos sen ser galega de orixe.


¿E como xurdíu a decisión de escribir para rapaces?

Eu sempre soñei con ter  un fillo. Ter un fillo e poder escribirlle historias. Despois adoptei dous, un rapaz e unha rapaza. E leveime toda a vida de marabilla cos meus alumnos. Por iso decidín quedar no ámbito infantil-xuvenil. Porque quixen. Non porque non soubese facelo para adultos. De feito, demostrei que sei escribir tamén para adultos. Algunhas das miñas novelas para mozos, un pouco máis longas e complexas, como Anagnórise ou a que acabo de publicar, Guedellas de seda e liño, son obras que un adulto pode ler perfectamente. Sei escribir para adultos, pero non me interesa escribir para eles.




Da entrevista feita por X.A. Neira Cruz a María Victoria Moreno

Revista fadamorgana, número 2, decembro de 1999

Comentarios

Publicacións populares