Capas
Sticky fingers (Emi-Odeon). Primeiro disco de The Rolling Stones en Emi-Odeon co inconfundible logotipo de beizos e lingua vermellos. A portada desta gravación foi realizada polo artista norteamericano Andy Warhol (antes deseñara a capa do estreno discográfico da formación asentada en New York, The Velvet Underground). Warhol luciuse na cuberta porque presentaba a fotografía dun blue jeans á altura da bragueta, esta última incluía unha gramalleira de verdade, mentres que no interior a funda do disco recollía a imaxe dun calzón e do seu portador de cintura para abaixo, bastante dotado. Esta obra do pintor, director de cine e publicista estadounidense non gustou ás autoridades españolas, que, outra vez cos "rollings", recorreron á censura, polo que que houbo que cambiar a portada. No seu lugar utilizouse unha imaxe que está máis relacionada co título do disco, Sticky fingers, que traducido significa ‘dedos pegañentos’ ou ‘pringosos’, máis ou menos. O encargado do deseño foi John Pasche e o autor da fotografía, Phil Jude. En fin, que a envoltura non tiña desperdicio e causou tanto impacto como a de Warhol, pero só se editou en España, co cal converteuse nunha peza para coleccionistas. No ámbito musical, a nova etapa de The Rolling Stones demostra a perfecta integración do guitarrista Mick Taylor, máis bluseiro ca roqueiro, tras as súas xiras a finais de 1969 polos Estados Unidos, ano do estrepitoso fracaso do festival de Altamont, onde The Rollings Stones tiveron máis sorte que algúns músicos e espectadores, agredidos polos anxos do inferno que chegaron a matar un mozo que os ameazara cunha pistola simulada. Desta historia, á parte de centos de artigos editados en revistas musicais, hai unha película, porque tamén aparecen outros grupos ademais das súas satánicas maxestades. A pesar de todo, daquela xira saíu un dos mellores discos en directo dos británicos, aínda mozos díscolos e iconoclastas. Na súa nova etapa, iniciada con Sticky fingers, fixeron excelentes composicións onde de novo impoñíase a nivel de composición o tándem, Jagger-Richards, fiel a cadencia negroamericana, con pezas inesquecibles como “Brown sugar”, “Wild horses”, “Dead flowers”, “Can´t you hear me knocking” ou “I got the blues”. Estas tamén recollían influencias pertencentes ao country rock -daquela en auxe- no que Richards fora introducido nos Estados Unidos polo seu colega Gram Parsons (ex-byrd e ex-flyng burrito). No orixinal británico non censurado, había unha canción de Marianne Faithfull, “Sister morphine”, que foi substituída no vinilo español por “Let it rock”. Como era habitual, a banda inglesa tivo á súa disposición a outros músicos, algúns case fixos nas gravacións dos Stones, entre outros Ian Stewart, Nicky Hopkins, Bobby Keys e Billy Preston. Mesmo Ry Cooder tocaba a guitarra neste disco esencial na longa carreira dos Stones.
Cancións: “Brown sugar”, “Sway”, “Wild horses”, “Can’ t you here me knoking”, “You gotta move”, “Bitch”, “I got the blues”, “Let it rock”, “Dead flowers” e “Moonligth mile”.
Músicos: Mick Jagger (voz, percusión e guitarra), Keith Richards (guitarras e voz), Mick Taylor (guitarra), Bill Wyman (baixo ey piano eléctrico), Charlie Watts (batería), Iam Stewart (piano), Bob Keyes (saxo), P. Buckmaster (cordas), Nicky Hopkins (piano), Jim Dickinson (piano), Rocky Dijon (congas), J. Price (trompeta), Billy Preston (órgano), Ry Cooder (guitarra) e Jack Nitzche (piano).
Outras capas: Big hits (high tide and green grass) (1966), Between the buttons (1967), Let it bleed (1969), Get yer ya-ya out! (1970), Exile on Main St. (1972), Goats head soup (1973), It’ s only rock ‘n roll (1974), Made in the sade (1975) e Black & Blue (1976).
Comentarios