TEMPO FÓSIL


TEMPO FÓSIL

Cando non a agardabamos, coma gata silandeira, aparece a poeta para rabuñarnos inmisericorde a pel. Solitaria, solemne, regresa este heraldo felino a esgazarnos sen dó todas as vísceras. Regresa, coas unllas máis afiadas e a palabra máis núa e pura, sen enfeites indulxentes. Lúcida, inclemente como un inverno ártico. A voz que podería dar non ten sustento.
Pilar Pallarés volta de cando en cando a asombrarnos, esta vez con Tempo fósil, un libro no que de novo se nos fai evidente a condición da poesía como ficción en grao máximo. A nudez, a extrema decantación da palabra gasta, a radical procura da beleza e da verdade. Unha beleza e unha verdade áridas, desoladas, como un vento rulfiano, mais luminosas e esencialmente humanas.Volta para desvelarnos a orfandade, a radical soidade do ser humano á mercede do tempo e da historia. A ausencia de áncoras que amparen e deteñan o curso da derrota. Pior que o frío e a fame, o desamparo

Só fican os restos do naufraxio, as crebas dispersas pola area do tempo, aí onde habita o olvido e non hai lugar para a memoria nin para o amparo. Un tempo sombrío. Un espazo sen eco, de voces desecadas, de esperanzas mortas. Unha pena sen rostro nin nome. Varrendo no silencio/aínda un vento obstinado./Voan miñatos sobre a paisaxe desmembrada.
Hai moita intensidade neste silencio sen trabes. As palabras serán tamén fósiles, como tódalas cousas e tódolos soños, máis conmoven por claras e ardentes, malia que nos doa o que desvelan: como amamos as follas que caen e serán humus. A casa, a tribo, as augas e os bosques, as verbas do propio idioma serán fósiles. Con todo, esas palabras belas e moribundas sentimos que levan adherida a posibilidade. Son linguaxe compartida. E, de aí, bálsamo e manancial, aínda: Da ruína da razón nace a palabra /que busca regresar, romper o cerco.
Mesmo se nada permanecer, cando estes versos sexan apenas vagalumes de ámbar, fondo rastro do noso pasar, han ser sedimentos de luz. E a poeta, a fiel escriba deste tempo. Todo para durar. Tan pouco


X. Pérez Mondelo

Comentarios

Publicacións populares