XOSÉ L. VALCÁRCEL: POETA QUIROGUÉS E COURELAO (I)

Vilas literarias: Quiroga 


Xulio L. Valcárcel: poeta quirogués e courelao (I) 



Xosé P. Mondelo

Cando falamos dos grandes poetas e narradores do val e da montaña, de Manuel María, de Uxío Novoneyra, de Ánxel Fole, Eduardo Moreiras ou Guerra da Cal, non podemos deixar de engadir a esta ilustre reste de escritores o nome doutro gran poeta dos nosos días: Xulio L. Valcárcel. 

O poeta é fillo de D. Julio e dona Hilda, dous mestres queridos e recordados por distintas xeracións de quirogueses pois durante moitos anos exerceron a docencia na vila e en numerosas escoliñas da nosa contorna. Don Julio era mestre e avogado, exercía de procurador, mais tamén substituía a outros mestres e mestras ausentes cando era reclamado para facerse cargo dunha escola. En canto, a súa muller, dona Hilda, era mestra titular, con praza, profesión que exerceu en moitos pobos dos arredores: en Parada Piñor, A Seara, Pacios, Vilarbacú. Completada a etapa quiroguesa e previa estancia durante un ano en Monforte - ao se suprimir o Xulgado de Primeira Instancia de Quiroga-, a familia trasládase definitivamente á capital no ano 1970, onde dona Hilda, despois do seu paso por outras escolas da provincia, exercerá o maxisterio en Begonte, durante vintecinco anos.

Porén, o matrimonio tamén é recordado polos quirogueses por seren os fundadores na vila da Academia Rosalía de Castro -un nome ben intencionado-, un centro escolar no que se formaron moitos veciños pois alí se preparaban para faceren o ingreso e as revalidas ou para opositar a correos, a gardas ou para acceder á policía nacional e outras diversas profesións. A academía estaba a cargo, fundamentalmente, de dona Hilda, ocupándose don Julio con máis dedicación cando a súa muller tiña que atender ás outras súas escolas. A súa actividade centrábase nos meses de verán por mor dos exames e das recuperacións de materias pendentes e continuaba a un ritmo máis demorado o resto do ano. Unha academia moi concorrida que tiña a súa sede nun baixo situado mesmo enfronte do Concello. 

Mentres seus pais residían en Quiroga exercendo os seus labores de procurador e de docentes, o seu fillo Xulio permanecía na capital, interno no Seminario, onde cursou os estudos desde ingreso até a revalida de cuarto, entre os nove e os quince anos. Unha vivencia, a da súa estancia no internado e alonxado da calor familiar, que había conformar a súa sensibilidade, pois como tantos outros nenos e nenas do seu tempo, sufriu a dureza daquel sistema, a tristeza e a soidade daquel estado de cousas. (Hai que recordar que nas pequenas vilas non había aínda institucións escolares que puidesen satisfacer as súas necesidades educativas e os rapaces tiñan que ir estudar lonxe da casa). 

Mais este sentimento de soidade cambiaba de vez cando o rapaz volvía de vacacións a Quiroga, cabo de seus pais. Daquela abríase un tempo novo e luminoso que había encher de ilusión o corazón do rapaz e que igualmente habería de conformar a súa sensibilidade, esta vez positivamente, e mesmo deixar un fondo rastro na súa futura obra poética, como logo veremos. 

Estamos a falar da segunda metade dos anos sesenta, un tempo no que o poeta se sentiu plenamente integrado e feliz en Quiroga: as festas da Ribeira e da Hermida, o felo e as pampórnigas, os baños e paseos en lancha polo río, a pista de San Clodio, 'onde criticaban aos que se arrimaban', e a atracción do tren, coa estación como punto de encontro, o andar de aquí para aló na bicicleta, as mociñas lindas, os traballos e os días cos veciños e amigos da familia, as visitas por tantos lugares da redonda... todo vai ser un bálsamo para o seu corazón magoado e sensible, logo dos invernais días de incenso e encerro. 

Unha memoria tan viva a daquel tempo de lecer en Quiroga e que o poeta nos evoca con entusiasmo e detalle. Personaxes inocentes que xa quedaron no imaxinario popular como o Sadó, do que nos conta a anécdota do día no que este coitado veciño reclamou a presenza do veterinario para que mirase por un seu can ou gato. E, en chegando o albeitar cabo del, preguntoulle: "onde está ese animal?". Ao que o Sadó retrucou: "Velaiquí o ten", acenando coa man  cara ao cuñado. 

E rimos ao recordar aqueloutro borrachín da Hermida, un tanto destemido, que andaba a berrar por rúas e cantinas: " Viva la órdiga, arriba Bilbao", con clara intención política. E que a min me trouxo á memoria outro tal, ao que alcumaban o Sete Corbatas, mais este aínda máis destemido, pois o seu berro estarrecedor polas tabernas era sempre idéntico bu: "Viva Rusia". E así ficaron vivos no maxín do poeta outros moitos "persoeiros" da vila. 

Non entanto, de quen garda unha máis doce memoria é dos amigos da casa como Xan Rolo e a súa fértil familia, "o seu fillo Manuel era meu amigo e compañeiro no seminario", ou o fotógrafo Antonio Vidal, do que sempre admirou o seu porte elegante, o seu aberto sorriso e o seu talente xeneroso e republicano. Albiscábao ao lonxe cando o fotógrafo, sempre tan ben portado e coa cámara ao ombreiro, ía visitar a seu fillo, tamén alumno do internado e amigo: "Pablo era o mellor porteiro do seminario. Só lle faltaba algo máis de altura". 

Estas e outras lembranzas vainas reflectir o poeta nos seus poemas e relatos, mesmo na súa obra ensaística e delas daremos conta nunha nova ocasión. Agora, para irmos rematando, quedamos cun fermoso poema no que canta o pasar grácil dunhas mozas nas súas bicicletas, unha imaxe que pasado o tempo recrea, como metáfora daquel tempo feliz, mais fuxidío, en Quiroga. Un tempo que se esvae mais que permanece nidio no fondo da súa ollada. 

<Rapazas en bici nunha tarde de verán> 

Campos de morangos e bacelos. 
Aire leve. 
Ledas saias das rapazas, 
as súas cores ao vento, 
leves tamén, aínda máis leves. 

Era o mundo un cristal de ilusión. 

Fráxiles, etéreas, felices. 
Tan lonxe. 

Se entornas os ollos podes velas. 

(Memoria de agosto, 1993). 



Fotografías de © Carlos (Escola e O Felo e as Pampórnigas da Hermida)
© Antonio Vidal (Pista de San Clodio)
© Laiovento (Retrato de Xulio L. Valcárcel)
Arquivo (Edificio do Seminario de Lugo e rapazas en bicicleta)

Comentarios

Publicacións populares