Capas



Silencio (Movieplay). En 1970 saía o longa duración titulado Silencio, do cantautor alacantino Adolfo Celdrán (1943), que incluía composicións propias e outras, A maioría, con textos de Jesús López Pacheco, Carlos Álvarez, Nicolás Guillén, León Felipe e B. Brecht. De toda esa produción urxente para o momento de carencias que eran os comezos dunha nova década aínda dominada pola ditadura destacan "A la voz de un pueblo", "Canción de la novia del pescador", "La cruzada de los niños", "¡Qué pena!", "La mala pesca!, "Canción a las seis de la mañana", "Canción del pescador" o "Una canción o [Pueblo de España ponte a cantar]". Dentro da militante liña do que entón se chamaba  Nueva Canción en Castelllano, Silencio rompía un pouco a inercia de austeridade musical de dito movemento ao incluír a colaboración nos arranxos e dirección de orquestra do arxentino Carlos Montero, quen conseguiu que o disco obtivese o recoñecemento da crítica musical.

A portada recolle a obra La reja e o interior Cinco minutos, do pintor e gravador valenciano Juan Genovés (1930). A carauta corresponde á etapa en que o artista levantino asentado en Madrid representa multitudes acosadas, fuxindo,  moi en consonancia co oscuro e opresivo ambiente do anos que saíu o disco de Celdrán, un home comprometido coa democracia en tempos de ditadura, o cal lle causou moitos problemas á hora de actuar, como pasou con outros colegas (Elisa Serna, Luis Pastor, Pablo Guerrero, Julia León, Enrique Morente…). Adolfo Celdrán continúa desenvolvendo as actividades de cantante e compositor, pero tamén hai que destacar as súas facetas de produtor de documentais, divulgador de Miguel Hernández, autor de obras dramáticas e escritor de poemas.


Cancións: "A la voz de un pueblo", "Canción de la novia del pescador", "La cruzada de los niños", "Doña María", "¡Qué pena!","La mala pesca", "El sastre de Ulm", "Canción de las 6 de la mañana", "Canción del pescador", "Canción bailable" e "Una canción".

Músicos: Adolfo Celdrán (guitarra e voz) e Carlos Montero (director da orquestra).


Outras portadas: 4.444 veces, por ejemplo (1975), Al borde del precipicio (1976), Denegado (1977), Homenaje a las víctimas del franquismo (1987) e Jarmizaer, Jarmizaer (2001).



Comentarios

Publicacións populares