Capas



Uxía Senlle (Sanguiñeda-Mos, 1962) utiliza constantemente referencias doutras músicas para as súas actuacións en directo nos discos que grava, ata o punto de converterse nunha das voces galegas máis coñecidas fóra do seu espazo natural. O seu terceiro disco en solitario, esta vez sen a compañía da banda Na Lúa, pódese considerar fronteirizo porque aborda composicións de Galicia e Portugal, dúas xeografías condenadas inexorablemente a entenderse.

A cantante de Mos insiste na súa predilección pola canción popular da terra natal, á que achega novas sonoridades. Así o demostra coa peza que abre o disco “Alalá das Mariñas”, adaptada a unha melodía armenia pero que tamén soa a música irlandesa e ás novas tendencias sonoras que tanto éxito tiveron na década de 1990. Igualmente a tradición esténdese en “A laranxa”, “Voume eu, fermosa” e “Túa nai é meiga”, que se irmandan cos cantos da raia portuguesa. 

As restantes composicións son “Green God”, pertencente a un dos mellores poemarios do escritor luso Eugénio de Andrade; “Verdes sao os campos”, adaptación de versos de Camoes polo inesquecible Zeca Afonso; “Aquí estas noites tan longas”, recuperación dunha canción de Quintas-Canella quen, á su vez, recorrerá ao texto do trobador medieval Juliao Bolseiro; “Canto de Nadal”, do cancioneiro popular galego; “Millo verde”, canción tradicional das máis versionadas tanto en Galicia como en Portugal, nesta ocasión con ton moruno.

O disco complétase con “Suite de Bembribre”, “Senhora do Almortao” e “Entre nós”, que definen moi ben o dito ao principio e serven para comprobar a sabia versatilidade de Uxía, que en “Estou vivindo no ceo” estivo acompañada por nomeados instrumentistas do folk e a música de cámara. O deseño da portada pertence a Poucatella.

Cancións: Alalalá das mariñas. A laranxa. Voume eu, fermosa. Túa nai é meiga. Green god. Verdes sâo os campos. Aquestas noites tan longas. Canto de Nadal. Millo verde. Suite de Bembibre. Senhora do Almortao. Entre nós.

Músicos: Uxía (voz e pandeireta), Nacho Muñoz (teclados e timbal sampler), Quico Comesaña (arpa e mandola), Margarita Joukova (violonchelo), Carlos Castro (chocas, rototôms, bombo, cunchas, colgantes, pratos, pandeiro, pandeireta, pandeira, derbuka, pandereta árabe e crótalos), Quim Fariña (violín), Júlio Pereira (guitarra acústica e maracas), Edita Shoulman (violín), Xosé Manuel Budiño (punteiros e gaita), Kepa Junkera (acordeón diatónico, trikitixa, acordeón diatónico vasco), Gema Corredera (voz moruna e coros) e Carlos Castro (tabla e efectos).

Máis portadas: Foliada de marzo (1986), Entre cidades (1991), La sal de la vida (1997), Danza das areas (2000), Eterno navegar (2008), Meu canto (2011), Andando a Terra (2012) -sobre poemas de Manuel María-, Rosalía pequeniña (2013), Baladas da Galiza imaxinaria (2015) -con Narf-, Canta o cuco (2015) -con Magín Blanco- Uxía canta a Manuel María (2015), Uxía-O (2017) 
Uxía-O (2017).






Comentarios

Publicacións populares