A HERMIDA ESTÁ NO CURUTO DUN OUTEIRO

De Quiroga á Hermida


De Quiroga á Hermida hai soio duas légoas. A carreteira, pasando por Pacios do Rei, antre vides e castiñeiros, rube unha encostiña para chegar presurosa ás primeiras ordeacións do Caurel.


A Hermida está no curuto dun outeiro. As casas teñen corredores de madeira pintada de soaves coores, dos que penduran as mazorcas. Isolada nun pradiño, está a eirexa moi xeitosa de lousa que se olla, espellada no Sil, dende moi lonxe, dende a ponte de Espandariz.

Garda a eirexa historias de curacións milagreiras, pintadas en carteles de cego.


A festa, o día de Nosa Señora, ten nombradía no val, polos milagres e polo "Meco", home-paxaro prehistórico que sae, ises días, a zorregar as pernas das mozas cun basoiro de uces, cumprindo un rito de recuados tempos.


Dende o adro, óllase o estreito val do río Quiroga, antre fermosas montañas. Carreiros, camiños de ferradura, vieiros, cruzan os cumes e van descendendo ao val por terras de pan centeo, as bouzas, e máis abaixo, por prados dourados, pobos agachados nos soutos, recollidiños formando unha verdadeira unidade social, coma espellos, o sol.


Eu teño debilidade literaria. Sempre que dende o cimiterio vello da Hermida ollo pra o fondo da valgada vexo o río Quiroga, seguindoo no seu ronsel de negrillos e choplos, párome nunha casa grande e branca, na orela do vado, coa ponte de madeira, prado e souto; é casa onde Ánxel Fole escribíu "A lus do candil", contos de invernía na montaña galega.

Sempre lembrarei, nas terríbeles seráns do vrau quirogués, na estrada solitaria e abafante de Campos de Vila, o caxato e chapéu de palla de Fole, camiñando de vagariño na onda de calor, ollando con mirada azul esvaída de miope o centileo do ceo. Chegando á ponte de Vilaverde, aparescían na calixeira as primeiras casas da vila, e alí sempre habería unha "tasca" onde refrescar. Ainda que soio fora o que il chamaba con sentido grego da vida, "un vasiño de hidromiel".



Follas de vagar -xornal-
Eduardo Moreiras


Fotografías de © Roque Soto Soto

Comentarios

Publicacións populares