E QUE GANOU GALICIA CO ELO?
Emigrantes
Decía hai pouco un orador santiagués, que os políticos galegos non quixeran nunca pecharse no recinto das nosas montanas, e que degoraran gobernar Galicia ao mesmo tempo que gobernaban a España. Esquecéu decir, que o conseguiran ampriamente. Coma os outros emigrados, foron istes políticos soldados de fortuna, que levaron por armas a habelencia raposeira dun Montero Ríos, o engado de verba dun Viguri, a simpatía persoal dun González Besada. Coma aos outros emigrados abandoulles pra medrar co escaso das súas coalidás, e non tiveron que pór, coma os cataláns ou os vascos no medio do Congreso, a tenda de ouxetos da súa terra dunha política rexional.
E que ganou Galicia co elo? Deixou de ser probe, cultural i económicamente? Compre pensar no que sería iste país, tan ben dotado por natureza, se os seus fillos houberan sido menos galegos e máis galeguistas. Compre maxinarse aos nosos viños brancos da Ulla, do Miño e do Avia -os millores do mundo, asegún ditamen de prestixiosos enólogos-, inzados coma o Burdeus ou o Borgoña. Compre maxinarse aos nosos bois saindo pra Inglaterra, cuio mercado abandonouse por preguiza e matrou de arruinar o arancel. Compre maxinarse aos nosos xamós e aos nosos queixos competindo cos xamós de York e os queixos de Francia e de Holanda; e ás madeiras das serras galegas, concurrindo cas madeiras de Noruega e de Bohemia. E compre, derradeiramente, maxinarse o que entón sería Galicia, cos seus casares ridentes como aldeas danesas, cos seus montes cobertos de arboredo, cas cortes cheas de bon gando, e as comodidades e a fartura estendidas por todo o país.
E dá tristura o pensar que ningunha distas cousas se ten, porque non se quixo telas. Se dende hai soio un século os galegos emigrados houberan fiado menos nas súas coalidás, e máis nas coalidás da súa terra, o miragre estaría xa feito. Mais non foi asín, e os nosos homes coma os homes de Ith fillo de Breogán, siguen camiñando polas roitas do mar e polos vieiros da terra, levados de cote pola arela do alén e pola arela do proveito; e siguen camiñando, sentíndose de cada vez máis galegamente conquistadores, e tamén de cada vez menos galeguistas.
1927
Prosas galegas
Florentino L. Cuevillas
Comentarios