As outras historias
Houbo un tempo onde a historia escribíase desde unha soa dirección. Os libros de texto semellaban historietas anacrónicas nas que os protagonistas tiñan máis de mito que de persoas. Celtas, iberos, celtíberos, gregos, fenicios, cartagineses, romanos, visigodos, musulmáns, franceses pasaron e deixaron as súas pegadas na península ibérica.
Tamén desde a España con maiúscula saíron conquistadores con espada e cruz. Outros foron derrotados en guerras coloniais, das que só se explicaba o valor e os sucesos heroicos, nunca as causas do porqué dos miles de mozos que ían morrer a lugares afastados o na propia patria en constantes guerras civís. Destas apenas se recollían unas poucas liñas que deixaban a mesma impresión que non as utilizaran.
Lin listas interminables de reis de nomes rechamantes, percorrín mapas dun imperio onde non se poñía o sol, viaxe ás serras como guerrilleiro e ao final aparecía un caudillo, este invicto, que trouxera a paz sobre miles de mortos, destrución, odio e medo.
O tempo transcorreu e descubrín outras historias, desde diferentes perspectivas, puntos de vistas e escritas tamén en bastantes casos por persoas alleas á nosa terra. Viñeron tempos de liberdade, pero iso non impediu que volvan saír con altofalante mediático personaxes que seguen vendendo aquela historia desde unha soa dirección. Como a dese Cid dacabalo do que hoxe sabemos que non dubidaba combater á beira do mellor ofertante, fose cristián ou mouro, el estaba na guerra pola moeda, o botín, as terras e a posición en tempos de reinados varios. Ata se chegou a dicir que gañou batallas despois de morto.
Comentarios