Arco da Vella despedíase a nivel discográfico con Ñañaras (Sons Galiza, 1999), gravación que poñía o punto final á carreira da banda de música folk liderada por Manuel Brañas, director do Obradoiro de Instrumentos Tradicionais da Deputación de Ourense. Cun selecto plantel de músicos, Ñañaras caracterízase pola inclusión de composicións da música tradicional galega, aínda que tamén se encontra algunha foránea, como “Giga” de Harry, que resalta a conexión das culturas da denominada área celta, asunto ben coñecido polo grupo ourensán, pois chegou a participar no Festival Intercéltico da localidade bretoa de Lorient. Do total de 12 pezas, hai que subliñar tamén “Espadelada de Ribadavia”, cuxa orixe tradicional, non impide que adquirise un aire de modernidade que facilita atractivas sonoridades a teclados, instrumentos de vento e acordeón, liña que se advirte, así mesmo, en “Muiñeira de Monterrei”. As diferentes modalidades da música popular de Galicia están tamén representadas en “Nana para un amante”, “Entrenzado de Allariz” ou “Marcha nupcial”. Ao conxunto engádenselle composicións de autores ourensáns “A Virxe de Portovello” (Manuel de Dios) e “Villoria” (Ricardo Courtier). Na portada aparece Zeus e Atenea, óleo/lienzo de Xosé Bandín. Cancións: Espadelada de Ribadavia. Nana para un amante. O entroido. Giga de Harry. Brétema. Muiñeira de Monterrei. A Virxe de Portovello. Entrenzado de Allariz. Arrolo. Faramalla. Marcha nupcial. Villoria. Músicos: Manuel Brañas Méndez (gaita, arpa, pito galego e zanfona), David Cid Baltar (baixo), Fernando Martínez-Risco Ulloa (batería e percusións), Javier Vaz Padrón (sintetizadores, piano, acordeón e gaita en Marcha nupcial), Óscar Rodríguez Rodríguez (frauta traveseira, frauta de pico e clarinete), Rafael Martínez Cachafeiro (violín), Santiago González López (guitarra e bouzuky). Colaboración especial de Mª Sol Blanco (voz). Máis portadas: Na noite (1989), Xingra (1990) e Abuña Copo (1995). Apunte: Trala desaparición de Arco da Vella, formouse o grupo Brañas Folk que ten gravados os discos Camiñantes (2004) e Alalá do Cebreiro (2009).
Comentarios