Capas

Na Lúa conformou unha proposta novidosa dentro do terreo do folk galego da década de 1980 co seu primeiro disco grande e homónimo editado en 1985 por Edigal, no que se recollía unha das características do grupo: A busca doutras sonoridades que necesariamente non tiñan que ser soamente as relacionadas coa entón denominada música celta. Isto non quere dicir que o quinteto galego renunciase á rica tradición das músicas das Illas Británicas e Bretaña, como se pode comprobar en máis dunha das pezas, incluso naquela que aborda ritmos portugueses, A titulada “Dublín-Coimbra”. 

Así e todo hai máis acertos por parte do grupo niso que se vén chamando desde hai anos folk progresivo, por exemplo a utilización de instrumentos eléctricos, saxo, teclados e batería que se produce na abertura do repertorio do disco, “Espello na Lúa”, onde o saxofón acompaña un momento aos demais instrumentos ata concluír a peza en clara homenaxe á tradición coa gaita galega en primeiro plano ata devolver o inicial protagonismo ao saxo. 


Por certo, volvendo ao citado instrumento de metal, unha das composicións está dedicada a un músico de jazz, “Perdido con Charlie Parker”, unha melodía en ton melancólico onde o moderno volve a dialogar coa tradición sen que ambas posturas perdan na confrontación. O mesmo ocorre naquelas onde o popular imponse nos títulos: “Danza de espadas sen nome”, “Regue/regeifa de Boedo” e “Danza das sete damas”, entre outras pezas. E así para completar o enriquecido estilo de Na Lúa hai que citar igualmente a mirada máis alá dos Pireneos, "Bergerette Saint Roch", co cal o grupo galego non puido facer unha mellor estrea discográfica. 



Composicións: Espello na Lúa. Dublín-Coimbra. Vértolas de maio. Danza de espadas sen nome. Bergerette Saint Roch. Perdido con Charlie Parker. Regue/Regueifa de Boedo. Fonteliño. Ceo de algodón. Danza das sete damas. Danza do contrabando. Bailada da illa perdida.

Músicos: R. Pereiro Oliveira (baixo eléctrico), X.R. Paz Antón (laúde, cítara, teclados, melódica, batería e percusión), Darío González Moreira (guitarra acústica e eléctrica), Antón Rodríguez Martínez (gaita galega, frauta traveseira, saxo e frauta doce) e Francisco Álvarez (violín mandolina, teclados y percusión).

Máis portadas: A estrela de maio (1987), Ondas do mar de Vigo (1988), Contradanzas (1991), Peliqueiro (1994), Os tempos son chegados (1997), Feitizo (1999) e Fases da Lúa (2001).


Capa da reedición de Na Lúa, en CD de 1997.













Comentarios

Publicacións populares