Espíritos das aguas
As donas son moitas veces, como temos visto, espíritos das augas, ou cousa semmelante, en relación máis especial coas fontes. Nelas podemos supor, con máis fundamento que noutros mitos, a supervivencia das divinidades indíxenas que nos tempos da romanización foron identificadas coas Ninfas, ás que se adicaron lápidas votivas.
Inda se fala doutras xenios das augas: no río Miño, entre Melgaço e Arbo, viven asegún din, as feiticeiras, sorte de ondinas pouco de fiar, para librárense das cales os que atravesan o río, dende Portugal, meten no bico un ocio para non poderen falar namentras van polo río.
Nos puzos do río chamado de Chouzán, da Parleira, da Cabaceira e outros máis, cando o río pasa ó pé do castro de Marce, na terra de Lemos, vive o pobo dos xacios, que son anfibios e que a maneira de ser é a das ondinas: teñen figura de persoas, e as xacias son moi fermosas, ligan amores cos homes, encántanos, posúen riquezas; non son cristiáns... Compáranse cos Nixen xermánicos.
Etnografía
Vicente Risco
Pinturas de © Anna Vinogradova
Comentarios