Capas


Abraxas (CBS). Segundo disco de Santana (1970) co que se consolida como unha das bandas con máis porvir da década dos setenta, despois dun primeiro elepé de notable éxito comercial e a súa consagración en directo durante o mítico festival de Woodstock (1969). Carlos Santana, líder deste combo da área de San Francisco, pero fóra do ámbito do denominado acid rock, soubo chegar no seu momento a un variopinto público grazas ao seu interese por realizar unha mestizaxe de músicas onde se nota a influencia do jazz, o blues, os sons caribeños e o rock. 

Cunha potente sección de ritmo, apoiada en timbais, congas e outras percusións propias da música afrocaribeña, teclados e unha guitarra omnipresente e cálida, o disco Abraxas queda como un dos fitos do rock. O seu repertorio inclúe novas versións de pezas do bluesman británico Peter Green: “Black Magic Woman” e do latino Tito Puente: “Oye cómo va”, que obtiveron o recoñocemento dos afeccionados, pero tamén Carlos e os seus compañeiros demostraron unha excelente imaxinación á hora de compoñer: “Singin Winds, Cryng Beasts”, Incedent at Neshabur”, “Se acabó”, “Mother’s Daughter” e “Samba pa ti”, entre outras que manteñen a súa frescura inicial e entran na categoría das mellores pezas do rock.

A carpeta do disco recolle a obra Annonciation do pintor alemán Mati Klarwein (1932-2002), un artista viaxeiro que realizou varias portadas para discos de músicos de diferentes estilos.

Cancións: “Singing Winds, Crying Beasts”, “Black Magic Woman/Gypsy Queen”, “Oye como va”, “Incedent At Neshabur”, “Se acabó”, “Mother’s Daughter”, “Samba pa ti”, “Hope You’re Feeling Better” e “El Nicoya”.

Músicos: Carlos Santana (guitarra e voz), Greg Rolie (teclados e voz), Dave Brown (baixo), Mike Shrieve (batería) e José Chepito Areas (timbales e conga). Rico Reyes (voz en “Oye como va” e voz e percusión en “El Nicoya”. Alberto Gianquinto (piano en “Incident At Neshabur”.

Outras portadas: Santana (1969), Santana III (1971), Santana & Buddy Miles! Live (1972), Caravanserai (1972), Love Devotion Surrender (1972), Wellcome (1973), Lotus (1974), Iluminations (1974), Greatest Hits (1974), Borboletta (1974), Amigos (1976), Festival (1977), Moonflower (1977), Maratón (1979), Shango (1982), Havana Moon (1983) e Blues For Salvador (1987).


























Comentarios

Publicacións populares