Limiar
Persoalmente, a figura do indiano cáeme simpática xa desde a infancia. A min, o indiano suscitábame a mesma fascinación que sobre os nenos da cidade podería exercer o hereo cinematográfico. Os nenos das aldeas galegas, e disto non hai tantos anos, non podíamos acceder ós mitos do celuloide, pero en cambio podiamos soñar co modelo que representaba o indiano triunfador. E tiñamos unha avantaxe sobe os espectadores infantís do cinema: o noso hereo era de carne e óso, dalgunha maneira, fascinábanos coa súa presencia física.
A visita ou o regreso do indiano foi durante anos un dos maiores acontecementos que podían ocorrer nas nosas aldeas. A súa indumentaria, a súa equipaxe, os seus agasallos e unha certa ostentación de riqueza que se amosaba desde os convites ata a construcción da súa casa, supoñían para os aldeáns o contacto cun mundo novo, tentador e que pouco tiña que ver coa súa dura vida cotiá. É esa idea máxica do antigo veciño que cruzou o océano co posto e logrou "triunfar" na vida, pero que ademais foi capaz de regresarcos seus.
Logo, cos anos, un vai dándose conta de que non era ouro todo o que relucía e que detrás do indiano aparentemente triunfador agachábanse moitos sacrificios na maioría de veces, moitos fracasos sentimentais noutras, e sempre, ou case sempre, a esgazadura propia dun triunfo logrado fóra da terra natal. De adulto, pois, seguín interesado no personaxe do indiano, pero agor esa imaxe aparece xa con matice, con claroscuros. Agora aprendín a ve-los indianos como persoas de carne e óso.
Contos de indianos
Olegario Sotelo Blanco
Ilustración de Xaime Quessada
Comentarios