Capas
O Grupo Universitario de Cámara de Compostela púxose en marcha en Santiago en 1977 coa intención de investigar, interpretar e divulgar sobre todo partituras inéditas, liña na que se enmarca o disco editado en 1980, Cantigas de Santa María, Códice Calixtino e Martín Codax (Ruada). Inclúe un libreto explicativo sobre algunhas das mostras da primeira literatura en galego.
As Cantigas de Santa María están máis orientadas ao ámbito musical que á lectura. Representan as correntes eclesiástica, provenzal e popular, ademais de ofrecer certo exotismo debido a que instrumentistas árabes e xudeus participaron a miúdo na súa execución musical, o cal se pode comprobar durante a escoita das partes incluídas neste disco no que predomina unha brillante e rigorosa interpretación instrumental, así como unha valiosa achega vocal.
O canto relacionado co camiño de Santiago e as composicións dos trobadores: O galego Martín Códax e o portugués Pedro Gonzalvez, ambos relacionados coas poesías de amor tan abundantes nos cancioneiros medievais, completan este disco de achegamento a unha música descoñecida do noroeste peninsular, gravación que tivo continuidade noutras posteriores do mesmo grupo, baixo a guía de Carlos Villanova. O deseño da portada corresponde a Alberto Carpio.
Composicións: Cantigas de Santa María. Ben sab'a que pod'e val, Maca ome per folía, Santa María, Strela do día, Con gran razón, Pagar ben pode, Quen omagen da Virgen, Miragres fremosos y Des oge mais quer. Códice Calixtino. Gratulantes velebremus festum, Annua Gaudia. Cántigas de amigo (Marín Códax). Ai, Deus, se sab'ora, Quantas sabedes amar amigo, Mandado hei comigo y Mia hirmana fremosa. Pedro Gonzalvez. Por Deus coitada vivo.
Músicos: Manuel Arias (frautas de pico), Carlos Villanueva (zanfonas, cítara e percusión), Xosé Carlos García (viola ed brazo e percusión), Miguel Ángel L. Fariña (violonchelo), Pilocha (contralto), Fernando Olbes (tenor), Francisco Luengo (cromormos, frauta tenor, ocarina, dulcimer e cornamusa) e Richard Bailey (óboe e chirimía).
Máis portadas: La música en el Camino ed Santiago (1982), Trovadores y neotrovadores gallego portugueses (1986), In Itinere (1995) e A campá da lúa (2002).
Comentarios