Lenda e poesía popular nas nosas rías, no noso mar
A costa do mar de Galicia ten 1.195 km. Imos facer un paseo polas rías; a ría é
a entrada do mar na terra seguindo o rumbo que lle sinala un río. Non sabémo-la súa orixe. O primeiro que se ocupou delas foi un alemán, Von Richtofen (1886); para el son “unha transgresión mariña que invadiu un relevo preexistente xerado pola acción fluvial, e a costa das rías é unha costa transversal”. Para Schurtz (1902) a orixe das rías está nos movementos corticais da costa de Galicia. Para Scheu (1913) foron movementos epiroxénicos positivos e negativos. Para Lautensach teñen unha orixe fluvial e trátase de vales anegados polo mar. Para Carlé (1947) foron movementos epiroxénicos que levarían a un levantamento xeral de Galicia, a cal fragmentada en bloques potenciaría pequenos escorrementos dos límites entre os distintos bloques.
O primeiro investigador galego que traballa sobre ellas foi Torre Enciso, que as
clasifica en Rías Altas, Rías Centrais e Rías Baixas, relacionándoas con tres bloques diferenciados: bloque montañoso setentrional, bloque penechaira galega e bloque montañoso sur-occidental.
Mesching valora positivamente a baixada do nivel do mar durante o Cuaternario
xunto cun levantamento lento do relevo galaico durante este período. Despois, os traballos de Pannekock, Nonn, Pérez Alberti e ata Wegener resumen que foi durante o Eoceno cando se orixinaron as rías e as fosas tectónicas de Galicia e que durante a fase final, denominada a postoroxénica, tivo lugar unha subsidencia rexional progresiva do bordo continental, que ocasionou a inmersión da plataforma continental e das rías.
A ciencia non fai máis que dar un parecer científico pero témo-lo saber lendario,
que sabe moi ben a orixe das rías: Estaba Deus ordenando as terras e puxo un bo puñado de terra para face-la Península Ibérica, colocouno moi ben posto, pero estaba acugulado e para mellora-la forma, Deus, coa man aberta, deulle dúas palmadas e quedou a planicie feita. Faltaba a esquina do Noroeste e colleu un puñado de terra mollada, apertouna un pouco, pousouna e quedaron as rías do oeste feitas. Quedaba falto o bordo do norte e para rematar colleu unha pouca terra e apertouna, quedando ó pousala as Rías Altas; por se-lo dedo pequeño, o do río Eo, moi curtiño, para alongalo, coa man dereita aberta e simulando un corte na terra mollada, marcou o lugar para o río en liña recta. A orixe das rías é a obra directa de Deus. E preguntamos a nós mesmos: ¿Está rematado o proceso formativo?
Temos oído moitas veces a lenda do milagre de San Gonzalo. Acercábase a Ribadeo unha escuadra numerosa con ánimo de entrar na vila. Foron pedirlle a San Gonzalo, que estaba rezando na igrexa de San Martiño, e o santo saíu coa xente en rogativa e, dende o camiño por onde ían, vían a loita no mar. San Gonzalo axeonllábase e o mesmo facían tódolos orantes que acompañaban ó Cristo en rogativa. En cada parada do Santo ía a pique un barco inimigo. Nun momento o sancristán que levaba o farol grande alumeando con vela dixo: - Xa só quedan dous. E xa fuxían. San Gonzalo volveu axeonllarse e rezou para que chegasen sans e salvos ó seu porto para que informasen de como e onde quedaban os compañeiros.
...
...
...
Antropoloxía mariñeira
Actas do Simposio Internacional
in memoriam Xosé Filgueira Valverde
Pontevedra
10-12 de xullo, 1997
Presidente de Honra
Antonio Fraguas Fraguas
Coordinador
Francisco Calo Lourido
Imaxe das rías © Google
Debuxo de © Xoán Balboa
Comentarios