As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade
Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán
Pormenor do discurso lido o día 8 de maio de 1956 no acto da súa recepción, polo ilustrísimo señor don Antonio Fraguas Fraguas e resposta do excelentísimo señor don Ramón Otero Pedrayo
Fonte: © Real Academia Galega
(...)
Foi ben adicada a copla a un mozo rebulideiro que saca puntos de grandes garabatos, ten lixeiro garbo e ata usa de señorío:
O reiseñor cando canta
súa dama ten no niño,
mira como é amoroso
o amor do paxariño.
Quen me dera ter a min
a gargantiña dun galo,
cantar coma un reiseñor,
falar coma un papagaio.
anque cante toda a noite
non arreamos bandeira.
toda comparanza e trae un recordo ao papagaio, quizais por ser ave de fóra, que debeu impresionar coas súas falas ás xentes campesiñas. Recordamos o loro que tiña Hermida de Famelga, que repetía preguntas e facía respostas asisadas, aínda que á súa maneira. É máis famoso o de don Perfecto Feixóo de Pontevedra.
O paxaro cando chove
mete o rabo na silveira,
así fan as boas mozas
cando non hai quen as queira.
O paxaro na silveira
anda moi adivertido,
o amor cando pretende
anda moi descolorido.
Ese afán de procura divirte aos paxariños e ten para os homes unha cavilación tan grande que perden as fazulas a cor coma se a emoción de amar levase por paixón profunda o sangue ao corazón, sacándoo da cara dos amantes.
Xa comín e xa bebín
regalei o meu peitiño,
agora vou prá gaiola;
¡ten pacencia, paxariño!
Na serie de paxariños que cantan na gaiola hainos que non precisan denominación especial. Vai no seu voar a conformidade coa que son apartados das frondas da terra. Teñen amas que deles coidan e co bo trato que lles dan perden a fina saída da mañá polos agros da veciñanza. Comen, beben e dormen na gaiola.
Hai que despedirse do serán. Van botar a derradeira copla as mozas cantoras.
Moitas xa cubriron os mantóns e os mozos capas e gabáns. Algúns preparan unha luz para baixar ata o camiño, onde xa se ve porque vai subindo a lúa e clarexa nos outeiros. Remátase co canto do galo que vén chamando polo día:
Cantan os galos o día
érguete, meu ben, e vaite.
Como me hei de ir, queridiña?
como me hei de ir e deixarte?
© Castelao
Teño de poñer eu remate ao pasatempo e fareino cunha copla que leva o meuagradecemento á vosa atención. Poderá ser a copla mal cantada, defecto da miña voz, pero leva o máis profundo sentimento:
Viva, viva quen me axuda,
viva quen me está axudando,
vivan os señores todos
que me están acompañando!
Dixen
Comentarios