Letras Galegas 2019

O conto de Serafín

Antón Fraguas Fraguas

A xente facía burla del e nunca fixo mal a ninguén. Era home forzudo e dicían que un día se arrimara a un canastro e tirara con el. O canastro era moi antigo de vergas de castiñeiro, era moi sinxelo vergueiro. Serafín vivía na casa grande e madrugaba moito saíndo co gando con moita noite cando había sol, porque cando chovía podía madrugar menos por mor da mosca que non deixaba comer no monte. Dormía na parte da casa que tiña a barra e pró seu cuarto pasaba por diante do gueicholo onde estaba a herba verde, o outono era comida prás vacas leiteiras. 

Chamábase Serafín e as mozas cantábanlle:

Dame a navalla, Serafín,
dame a navalla
que xa cha pedín.

Serafín sabía contos, sabía romances, sabía refráns e agora conta este relato de interese: O conto dun cego:

Alá en tempo de María Castaña, cando María Bolerca vivía, había un cego que, toca que toca na zanfona e xunta que xunta nos cartos, xuntou cen Ducados. E tendo medo que llos roubasen foinos enterrar. Mais un compadre que tiña o cego soubo deles e roboullos.

Foi o cego á buratiña e encontrouse sen os cen ducados.

Desconfiou do compadre, colleu a zanfona e púxose a tocar onde ía o compadre, e a cantar:

Cen ducados teño
nunha buratiña,
e outros cen teño
pra lle botar porriba.
Cen ducados teño
nunha buratela
e outros cen teño
pra lovar a ela.

O compadre cando oíu cantar ó cego, volveu os cen ducados á cova, e foi o cego e qutounos da cova e púxose a cantar onde o oíse o compadre:

Polo moito perdestes o pouco,
señor compadre,
polo moito perdestes o pouco
Deus ben volo sabe.

E inda lle dixo esta sentencia:

Corredor serás pro a traza no cho dá
picouse unha vez a laverquerexar.

Había nun lugar un veciño que vivía na carballeira e a xente, os veciños, botábanlle mala fama. El tiña sona de ser membro dunha pequena banda de ladróns. Nunca collera nada no lugar e os seus compañeiros tampouco. Andaban pola noite e todos lle tiñan medo. Roubaban bestas e carne de porco e os cartos da venda na feira das xugadas de bois. Xan de Riba, como lle chamaban uns, e Xan do Alto, como lle dicían outros, era servicial, botaba unha man para calquera traballo e se facía falla coller a herba de alguén por enfermidade, era Xan o primeiro que se presentaba no prado coa súa gadaña. Pero todos dicían que cando entraba na cociña, o primeiro que miraba era prá touciñeira e pró salgadeiro, e facía louvanzas dos touciños e das cacheiras; pero endexamais faltou unha peza de carne ou roubaran a un veciño se vendía unha xugada de bois.

Mais se eran respetuosos prós veciños non eran  respetuosos entre eles, e por iso Xan do Alto tomaba as súas medidas pra non quedar sen a carne do porco. Xa tiña a carne ben afumada, gardara os ceboleiros e mais as longanizas, pero na touciñeira quedaban colgadas todas as pezas dos dous porcos que matara, porque inda tiñan carne vella. Un serán viñeron por alí os compañeiros e Xan do Alto pasou a noite en vela e así foi toda a semana e xa moi canso tomou unha medida especial: esconder a carne e metela no forno.

Xan deitouse e quedou durmido, profundamente durmido, porque levaba unha semana sen durmir e non durmía máis que unha pequena sesta. Os compañeiros xa se decataron de que se deitara, porque non botou a cabeza polo cristal que lle faltaba na fenestra. Xan atrancara ben a porta e durmía tranquilo, e os seus amigos foron á barra, colleron a esqueira de facer o palleiro e polo oco do cristal abriron a fenestra e pasaron á cociña. Estaba a touciñeira sen carne, non estaban colgadas máis cas binchas na touciñeira. Abriron as portas do salgadeiro e non tiña nada. Un dos compañeiros foi paseniñamente deica a cama onde durmía o matrimonio e arrimouse á almofada, e preguntoulle moi fino ¿róubannos a carne? Ela, durmiñando, dixo: non, que a escondemos no forno.

Abriron a porta do forno e colleron dous xamóns e botáronos prá eira, baixaron eles e levaron a esqueira á barra. Meteron os xamóns nun saco e saíron polo camiño vello que vai pró monte. Momento no que un can ladrou moi forte e a muller sentou na cama e espertou ó home. Maruxa, a muller de Xan, díxolle ó seu home:

- Por que me preguntabas se nos roubaban?
- Ti que dis?
- Que preguntaches ti.

Xan do Alto ergueuse fungando maldicións, vestiu o mono e calzou as zapatillas xustas ó pé, e saíu correndo pra atopalos no camiño estreito.

Chegou denantes de que pasaran e oíu os pasos. Era o compañeiro sen carga moi apurado, pasado tempo viña o da carga co saco ó lombo e, denantes de que chegara ó seu nivel, camiñou Xan e chegou ó seu lado. Como non se vía máis có vulto, díxolle:

- Deixa que agora levo eu o saco. Vaite correndo deica a Brea. Alí espérasme.

Xan colleu o saco e deixou que o compañeiro collera o camiño indicado, e el volveu prá súa casa. A muller estaba de xeonllos diante dun crucifixo rezando, con bágoas forte e tremendo de frío.

Endexamais volveron os amigos de Xan, e este veciño do alto do lugar non tivo máis ansias que coidar da súa facenda e axudar a quen precisaba axuda.



Fotografías ® Monbus

Comentarios

Publicacións populares