Maruja Mallo: unha debuxanta na Corte

O Museo ABC de Madrid vai a presentar dende o próximo martes ata o 29 de setembro a exposición Dibujantas, comisariada por Marta González Orbegozo e Josefina Alix, quenes teñen en conta un xeneroso feixe de donas rachadoras en tempos de masculinidade superlativa que se sitúa dende finais do século XIX ata a década de 1990. 
Son mulleres, artistas plásticas, abertas aos cambios que se estaban a producir no século XX. Foron selecionadas 42 debuxantas que, aparte das súas colaboracións na revista suplemento Blanco y Negro, da que se recolle o material da mostra, viviron o cambio de século, as vangardas (cubismo, art decó, surrealismo), os avances totalitarios, pero que tamén continuaron loitando por un espazo no ermo eido do arte na dictadura franquista ata chegar as trasformacións producidas a partir da segunda metade da década de 1970 coa recuperación de democracia. 
Sen menosprezo das autoras das 135 obras que se expoñen e representativas da historia de 160 anos da evolución da plástica española, hai que salientar a Maruja Mallo (Ana María Gómez González-Viveiro, 1902-Madrid, 1995), quen está encadrada no segundo grupo, dos catro nos que se divide a mostra. E que representa unha xeración que alentou os ventos de cambio dos anos vinte, a caída da Monarquía, a chegada da II República, a guerra civil, o exilio e os totalitarismos.
Por idade, Maruja Mallo era unha vinteaneira afeita ao debuxo e matriculada na madrileña Escola de Belas Artes de San Fernando que non escondía a súa modernidade misturada con elementos festivos da cultura popular, istes no senso de recoller o máis profundo e tendentes, polo tanto, fuxir do localismo e facerse universais.
Como outras das protagonistas de Dibujantas, Maruja Mallo deu os primeiros pasos artísticos con debuxos para publicacións periódicas, pero a súa inquedanza e ansia rompedora servíronlle para non ceder un paso cara atrás, como se pon de manifesto na intensa biografía da pintora, cuxa andaina profesional pode establecer na primeira exposición individual que estivo organizada en agosto de 1927 no Pavillón da Feira de Mostras de Xixón.
Ademáis de colaborar como ilustradora da Revista de Occidente, dirixida entón polo pensador José Ortega y Gasset, quen lle organiza a segunda mostra nos salóns da citada publicación. A partir de entón, a pintora convírtese en habitual do mundo cultural de Madrid, onde coñece a figuras senlleiras como Inclán, Lorca, Alberti ou Miguel Hernández, entre outros personaxes, que logo aumentarían o longo da súa vida de auténtica artista que conseguiu afondar na capacidade independente da muller do periodo de entreguerras do século XX, grazas a unha obra intensa e de gran riqueza plástica. 

Comentarios

Publicacións populares