Pintores de almas. Bello Piñeiro

Os seus paisaxes galegos
teñen olidos de fiunchos,
como si os vales que pinta
fosen un meigo esconxuro.
I entre a fraga do Arrueiro,
batida dos ventos lurpios,
i entre o Casal de Boado,
homildiño e sin rebumbios,
parece que sonan longos aturuxos,
e parecen que se escoitan
alalalaas a barullo
nas horas tristes
do luso e fusco,
cando o asosego dos campos
vai en busca de refuxio
e vai, quediño, a esconderse
no rebuldar dos marmullos,
mentres os mozos abouxan
os eidos da comarca a forza de urros.

Nos verdores dos seus lenzos
o cor e a lus andan xuntos,
con troulas de craridades
e alumeos de fachuzos
que brincan por entre as follas
e enredan por entre os xuncos,
coma estrofas do silencio
sempre mudo.
Os paisaxes aldeanos 
que ofrece nos seus estudios
son os poemas da campía,
son coma os himnos do trunfo
da terra sofrida e mansa,
da terra dos infortunios
que escomenza a espreguizarse
e a dar pulos,
cobizosa
dos seus destinos futuros
que han de chegar nas raiolas
do seu arte grorioso e sen refugos.

Piñeiros do Promontorio,
fortes, altos e barudos,
estrevidos coma poucos,
lanzales coma ningunhos,
ceibadores sosegados
de recendentes arumios,
erguidos mesmo didiante
da beiramar, nun curuto
que ten os seus pes a ría
formando un meigo curruncho;
vós sodes sempre o arromedo
recho e rudo
desta baril raza nosa
que se dorme os seus arrulos.

Quen vos díu color e vida
de conxunto
tamén soupo
darvos alma e acugulo.
Todo canto dá un artista 
que pensa solasmentes nos seus trunfos!



Poemas soltos
Eladio Rodríguez González

Pinturas de Felipe Bello Piñeiro


Comentarios

Publicacións populares