LUGO-COMPOSTELA

Quiroga: Vilas literarias





En Lugo

Dúas cidades galegas, de rango eclesiástico, de nobre antigüidade, vanse superpoñer a aquel primeiro espacio de solo mindoniense e paraíso: Lugo e Santiago de Compostela.


En Lugo, cidade do Sacramento, o rapaz estudia o bachelerato. O val dos vinte ríos fica lonxe. Agora, ó pé de Lugo discorre un río que namora. Dos ríos ten dito Álvaro Cunqueiro  —coma Joyce— que semellan sorrisos de muller. O encontro coa capital da Terrachá significa para o novo estudiante unha forma de disciplina diaria non practicada ata agora con rigor. Por outra banda, Lugo, semellante en certo modo ó Mondoñedo do seu bautismo, vai a ser a confirmación do amor á realidade de Galicia.

O rapaz, esguío e lanzal, ó primeiro estraño e morriñento no internado dos Maristas, percorre a cidade e murallas, dáse a coñecer no Instituto como estudioso de Berceo, descobre alí, con emoción o mapa de Fontán e, coma o Adrián Solovio de Arredor de si tenta tracexar sobre a carta xenial liñas imaxinarias, vías de saudade, que o acheguen a Mondoñedo e a súa bisbarra.



En Lugo, Cunqueiro fará amistade con Ánxel Fole, con Evaristo Correa Calderón, coñecerá ó poeta Pimentel e fará un inmenso acopio de lecturas. Lembrándose deses tempos confesaralle ó vello amigo Fernández del Riego:

E como teño unha memoria felicísima, pois entroume unha suficiencia brutal. Eu sabío todo, eu estaba convencido de sabelo todo. Entón sentinme máis seguro e ate e deu por andar un pouco elegante… E merquei un gabán marelo. Cousa da mocedade.

Parece que Ánxel Fole andaba cun gabán verde…

Compostela



Pero quizáis, a etapa de meirande interés para Cunqueiro, a parte Mondoñedo, sexa o seu paso por Compostela. Os amigos, as rúas, as tabernas, a música na casa de García Sabell, o Derby, o agromar da poesía e da arte...



Con Ánxel Fole comparte a "pousada endemoniada" da rúa Enseñanza nº 11. Fole, cunha gabardina —gabán estilo baroxiano—. Facían Ronsel, Yunque, escoitaron a García Lorca, tomaban café a todas horas, pero a verdadeira ocupación consistía en falar, falar e divagar. Todo entra na experiencia cunqueirana. Todo se fai materia de arte.



En 1932 publica Mar ao norde, con ilustracións do gran amigo, o artista Luís Seoane, que estudiaba Dereito en Compostela. Torrente Ballester recorda veladas con Cunqueiro: a inspiración xurdía espontánea. Así comenza Cantiga nova que se chama ribeira, publicada en 1933. No mesmo ano publica Poemas do si e non. Dúas obras con discursos poéticos ben diferentes. Cunqueiro é un experimentador nato e certeiro.



Co escritor ribadense Dionisio Gamalla Fierros, que cursaba estudios oficialmente na Facultade de Filosofía e Letras, comparte dificultades serias nos exames de latín con Moralejo. Por fin, engaiolado pola vida compostelana, as charlas, as amistades e camaradería e, sobre todo, pola avidez de lecturas e de coñecementos sen disciplina, que non se aviña co estudio sistemático ou convencional das aulas, deixa a carreira de Historia.

En 1934 Cunqueiro colabora en El Pueblo Gallego e interésase seriamente pola pintura popular e pola arte de Colmeiro. Viaxa a Barcelona, onde o grupo "Amics de la Poesía" celebra a obra de Álvaro. Mar ao norde, Cantiga nova e Poemas de sí e non son libros coñecidos xa en Cataluña. A amistosa relación ha durar toda a vida. Colabora nos Quaderns de Poesía, de Foix, Garcés e Teixidor. Mais esta apertura a novas experiencias foi truncada pola guerra civil.




Luz Pozo Garza





































Imaxes plásticas:
Apunte desde a muralla de Lugo de Carlos Iglesias Requejo
Gravado de Santiago de Compostela, Antonio Prieto Nespereira

Comentarios

Publicacións populares