<
























 />













Dez de 1955, dez

Do 1955 recupero dez discos en formato de longa duración en vinilo (LP). Non quere dicir isto que escoitase aquelas variadas músicas de tempos pretéritos, pero o paso dos anos fixeron que pegase as orellas a sons e cantos que en certo xeito constitúen parte da miña bagaxe cultural por moi afastados que fosen os lugares onde se escoitaron por primeira vez. De acordo que non son todos os que están, pero si cumpren o requisito de cubrir algúns xéneros dos que continúo gozando na actualidade, ás veces interpretados por xentes que poden ser xa bisnetos dos que a continuación recordo.

Hai de todo un pouco, as sentidas e austeras cancións de Atahualpa Yupanqui que tanto predicamento tiveron entre os cantautores dos anos 60, pois o compositor arxentino soubo estar á altura dos tempos para levar a bo porto un legado no que se mesturaban a auténtica canción do folclore popular de América do Sur e a mensaxe sobre as cuitas dos habitantes do devandito continente. 

E ao cantante e guitarrista arxentino séguelle Bill Haley, un dos pioneiros do rock and roll, que cando alcanzou a fama xa tiña tras de si unha importante carreira musical na que predominaban as composicións de country. Pola súa banda, Brownie McGhee foi un dos moitos músicos ambulantes que percorrían coa guitarra de pau penduraba ao lombo camiños e estradas de Estados Unidos na difícil década de 1930 para dar a coñecer as novidades que se estaban producindo no ámbito dun xénero entón marxinal, hoxe clásico: o blues, que iba afastándose do rural para entrar no urbano.

O flamenco dos anos 50 tivo dúas persoas que o deron a coñecer a nivel internacional, unha era a gran artista e danzante Carmen Amaya, e outro o guitarrista Sabicas. Eran maneiras diferentes de entender o "jondo" como forma de vidas peregrinas en busca do trasgo que se enfronte ás fatigas ou as alegrías de día a día da existencia humana.  A moita distancia tanto xeográfica como estilísticamente estaba o cuarteto canadense de doo woop The Crew Cuts que constituía un adianto do pop que entraría con forza nos anos 60. Máis veterano que os anteriores, pero todo un clásico é Frank Sinatra, de quen hai que engadir pouco sobre o seu excelente legado musical no que sobresae una voz portentosa e inesquecible.  

Dos cantantes franceses que se prodigaron a partir do final da Segunda Guerra Mundial, George  Brassens ocupa un lugar destacado no olimpo dos artistas que conformaron un estilo que a pesar do tempo non pasa desapercibido, grazas en parte ao escarnio que desprenden as súas pezas. Julie London presentaba en 1955 un dos atractivos álbums no que destacaba a espectacular figura da cantante e actriz californiana, quen deixou algunhas cancións de éxito que entraban nos eidos do jazz e tamén no nacente terreo do pop.

De Austria saíu a actriz e cantante Lotte Lenya, cuxa traxectoria artística remóntase á Alemaña anterior á Segunda Guerra Mundial, época de ebulición cultural en Centroeuropea, pero o seu verdadeiro valor a nivel de crítica e público estivo nas súas interpretacións das cancións que compoñía o seu marido Kurt Weill, pezas emparentadas co cabaré e as obras teatrais de  Bertolt Brecht.

E para pechar, o cubano e superconocido nos países de fala hispana, Pérez Prado, cuxa versatilidade fixo que fose un dos mellores promotores da música caribeña a nivel internacional, sobre todo do mambo. Personaxe como todos antes citados que tiveron sona no seu tempo e, nalgúns casos, mantéñense como clásicos do medra e se desenvolve no eido popular.

Comentarios

Publicacións populares