O xornalista e dramaturgo 
Francisco Álvarez de Nóvoa





Este importante xornalista ourensán naceu accidentalmente en Granada o ano da I República (1873). A súa mocidade desenvólvese durante a Restauración e a Rexencia de María Cristina e politicamente baixo o maxisterio ourensán de Valentín Lamas Carvajal.


21 anos (1984) publica, como  folletín do semanario republicano El Derecho, o seu primeiro traballo en prosa galega que titula “Paisaxes”. En 1895, un monólogo en verso, en colaboración con  Heraclio Pérez Pracer, titulado Recuerdo. Ao ano seguinte, en Biblioteca Galega que dirixe Martínez Salazar, publica unha colección de contos en lingua galega que titula “Pé das Burgas” (Coruña, 1896). Deste libro, Couceiro  Freijomil destaca o titulado “Tiruleque” que di que foi traducido ao sueco; e Carballo  Calero di: “Denantes dos 25 anos escribiu as prosas que  reuniu no seu libro "Pé das Burgas". Temos que lamentar a ausencia de prosas galegas posteriores, pois se houbera cultivado asiduamente ise xénero, iste home, que morría sesaxenario, estariamos autorizados para agardar que, ao medrar en madurez i esperiencia,  houbera dado un púo decisivo a narrativa  galega. Pero novos libros non apareceron”.


Politicamente, durante os tempos da Rexencia sucedíanse aquelas famosas quendas de conservadores e liberais. Álvarez de Nóvoa encádrase como xornalista no partido liberal. Primeiro no El Eco de Orense, dirixido por Valentín Lamas Carvajal, máis tarde no Miño, diario liberal ourensán creado por Vicente Pérez e do que foi director. Aínda lembramos este xornal polos anos 13 e 14 coa súa redacción e imprenta na rúa San Miguel.

Valentín Lamas Carvajal

No ano 1909 tiveron lugar dous acontecementos. Un nacional, a Semana Tráxica de Barcelona. O outro local, os sucesos de Oseira. Ambos os acontecementos afectaron  grandemente aos partidos do liberalismo progresista. En Ourense, o director e algún redactor do Miño sufriron as consecuencias. Álvarez de Nóvoa emigra ao Brasil e traballa como xornalista en Río de Janeiro. Non debeu de irlle ben naquela cidade pois pronto se traslada a Buenos Aires, onde é nomeado director de La Voz de Galicia, semanario cuxo primeiro número sae en novembro de 1913. Regresa a Ourense en 1915 e colabora no novo diario liberal ourensán La Voz Pública.


Mitin agrarista en Ventosela, Ribadavia, 1914.

A súa sección "Agujetas”, en verso, polo seu enxeño e agresividade faise moi popular. O xornalista José Antonio Durán compáraas con “Mostacillas”, de Valentín Lamas Carvajal e as “Poutadas” de Basilio Álvarez. Participa nalgúns  mitines de propaganda política.

Bo prosista e notable xornalista a súa colaboración é disputada polas forzas políticas locais. Colabora en La Región e máis a miúdo no xornal conservador El Diario de Orense.


Aquel espírito liberal e progresista da súa etapa anterior había desaparecido. A súa pluma parecía ser alugada ao mellor ofertante. Inclusive no  are fai gala da súa  conservadurismo, pois en La Zarpa, do 22 de xaneiro de 1922, Eugenio Montes polemiza con Francisco Álvarez de Nóvoa nun artigo que titula “ Verbas precisas” e entre outras cousas di Montes: “...que a  vostede  non gústalle a obra de Castelao, Lamas, Cándido Mauricio Fernández, Asorey, Méndez, Juan Luís. Peor para  vostede que  non  paladexa ese  pracer”.


Escribiu tamén varias obras de teatro: “El señor delegado”, en galego, e La titiritera (Ourense, 1918), comedia en tres actos e en prosa. Ambas as obras foron representadas con moito éxito principalmente La titiritera. Por aqueles tempos, época dourada dos autores teatrais ourensáns, foron representadas varias obras. Lembramos: Amor que vence al amor, de Antonio Rey Soto; El pecado de Adán, de Eduardo Neira Mármore; Piedras galayas, de Villarino de  Sáa, e La titiritera, de Álvarez de Nóvoa. Tamén escribiu, aínda que permaneceron inéditas: Los redentores, drama en dous actos, e Campos de soledad, comedia en tres actos e en prosa.

Gravado de Cándido Fernández Mazas


Pouco sabemos das actividades xornalísticas e literarias do noso biografiado nos anos posteriores. As circunstancias políticas non foron propicias para o desenvolvemento das súas facultades. A ditadura de Primo de Rivera acabou con aquelas vellas disputas entre liberais e conservadores que alimentaban a imaxinación de Álvarez de Nóvoa. Os vellos caciques de ambos foron substituídos polos partidos xudiciais da provincia polos delegados  gubernativos militares que chegaron a encarceralos en moitos casos. Logo, máis adiante, a instauración da II República tampouco favorecería a profesionalidade de Álvarez de Nóvoa entregado á causa conservadora. Supoñemos que non se adaptaría á nova situación O xornal conservador Diario de Orense foi substituído por Galicia, diario da Unión Monárquica Nacional de Calvo Sotelo.


Pensamos que o notable e famoso xornalista que foi Álvarez de Nóvoa haberíase eclipsado. Quizais algún traballo anónimo ou de redacción; pero a súa popularidade decrecera, foise debilitando ata o punto de non ter eco na opinión pública. O xornalista retirouse ao seu traballo burocrático de amanuense na Deputación de Ourense. Faleceu o día 1 de xuño de 1936.


Ourense, novembro de 1986


Armando Fernández Mazas


Comentarios

Publicacións populares