Portadas de Daniel Gil

O libro de peto de Alianza Editorial iniciaba a súa andaina no ano 1966 con Unas lecciones de metafísica, de José Ortega e Gasset, título do número 1 da citada colección, a cal entre distintas novidades no mundo da edición incluía un moderno e atractivo deseño das portadas do variado catálogo da editorial madrileña, labor que durante moitos anos correu a cargo de Daniel Gil Pila (Santander, 1930 - Madrid, 2004), quen traballou para a citada empresa ata 1989.

O libro de peto de Alianza Editorial orientábase cara un público variado que por un prezo aceptable recibía obras de ficción relacionadas nunha boa parte con autores de actualidade naqueles anos 60 do século pasado.  O catálogo incluía así mesmo ensaios, obras de carácter científico, que tiveron un notable recoñecemento por parte de estudantes e docentes de diferentes tramos do ensino. A colaboración con editoriais latinoamericanas como Losada e Emecé contribuíron ao aire de actualidade que ofrecían os libros que ían editando periodicamente.

A edición de obras de autores de prestixio facilitou a expansión de libro de peto, mesmo fóra das fronteiras hispanas, éxito alcanzado así mesmo polas innovadoras portadas que Daniel Gil, algunhas delas auténticas obras de arte que foron motivo de exposicións, como a itinerante e titulada  Portadista. 
Os deseños de Gil acompañaron obras fundamentais da literatura universal como as de  Kafka,  Golding,  Proust, Hesse, Baroja,  Stendhal, Scott  Fitzgerald, Lorca, Mishima, Poe, Maupassant ou Handke, entre outros, aos que se uniron as de filósofos de diferente épocas, desde a Grecia clásica á actualidade.

Con posteridade, Alianza cambiaría de donos, as súas coleccións variarían, así como os deseños, o cal non impide que o legado de Daniel Gil manteña en bastantes casos un importante atractivo. O deseñador deixou tres mil cubertas para a editorial Alianza, na que se incluían outras coleccións, ademais da de peto, ás que Gil tamén achegou o seu xenio creativo.

Comentarios

Publicacións populares