Capas
Odessa (Polydor) 1969
The Bee Gees
Portada: diseño Steve Stanley
Portada: diseño Steve Stanley
The Bee Gees editan en 1969 o álbum dobre Odessa, nun principio programado como obra conceptual na liña doutros discos da década que estaba rematando, mais ao final serían 16 cancións varias tras disputas que deixarían o trío dos irmáns Gees en dúo. Pódese dicir que a gravación constitúe un cambio na liña de grupo de éxito dentro do eido de pop suave dos sesenta no Reino Unido, un territorio percorrido con moito éxito polo grupo británico, con excelentes aportacións de pezas senlleiras, dende a súa fundación.
Cunha orquestración en primeiro plano, soamente ás veces compartida por guitarras acústicas e sección de ritmo propia de grupo pop, os compoñentes de The Bee Gees dispuxeron dun excelente vehículo para deixar claro o seu dominio dos xogos de voces, como se aprecia desde a primeira e longa peza “Odesa” ("City in The Black Sea") ata a última e coral "The British Opera".
Ao final, o disco dobre resultou un dos traballos máis complexos dos irmáns Gibb durante a década de 1960. Nel, pódense seguir ritmos de rock progresivo, sinfonismo, baladas pop, country e psicodelia que se atopan repartidos polas cancións máis interesentantes do disco: "Odessa", "You'll Never See My Fave Again", "Marley Purt Drive", "Melody Fair", "Edison", "Suddenly", "Whisper Whisper", "Lamplight" e "First Of May".
Músicos: Barry Gibb (guitarra e voz), Maurice Gibb (voz, baixo, guitarras e teclados), Robin Gibb (voz, órgano Hammond e melotrón), Vince Melouney (guitarra), Colin Petersen (batería), Paul Buckmaster (chelo), Bill Keith (banjo), Ted Logan (violín) e Bill Shephed (dirección musical).
Máis portadas: "Bee Gees' 1st" (1967), "Horizontal" (1968), "Idea" (1968), "Best Of Bee Gees" (1969), "Cucumber Castle" (1970), "2 Years On" (1970), "Trafalgar" (1971), "To Whom It May Concern" (1972) e "Life in a Tin Can" (1973).
Comentarios